SondeSeu sorprendeu ao mestre

A orquestra SondeSeu ofreceu un concerto de dúas horas con arranxos e composición de Rodrigo Romaní, nunha homenaxe a quen foi o seu director durante 21 anos.
photo_camera A orquestra SondeSeu ofreceu un concerto de dúas horas con arranxos e composición de Rodrigo Romaní, nunha homenaxe a quen foi o seu director durante 21 anos.
A primeira orquestra europea de folk organizou unha gala de homenaxe a Rodrigo Romaní que dende 1996 estivo ao fronte de ensino de música tradicional, xerme da agrupación

Xa case levaban dúas horas de concerto, cando máis de 20 espectadores ergueron das súas butacas e subiron ao escenario. Un Rodrigo Romaní (Noia, 1957) visiblemente emocionado puido distinguir aos que foran os seus compañeiros, antigos integrantes de SondeSeu. Así finalizou unha gala de homenaxe e agradecemento que a orquestra folk organizou para quen foi  o seu  fundador e director durante 21 anos.

Os 54 integrantes da que é considerada a primeira orquestra de folk de Galicia interpretaron unha escolma de obras que Romaní arranxou para a propia SondeSeu, pero tamén os que escribiu para Milladoiro, grupo no que formou parte durante 20 anos.

Durante meses, os responsables de SondeSeu argallaron en segredo unha despedida sorpresa para quen foi o seu mestre. Impartiu clase de arpa ata hai dez anos. No último concerto da xira do 20 aniversario da orquestra, en Santiago, Romaní anunciou a súa retirada tamén dos escenarios e da dirección, aínda que seguirá compoñendo. 

Nunha velada tan especial non podían faltar convidados sinalados como Alba Barreiro, arpista clásica de referencia, quen se iniciou no estudo do instrumento na Etrad con 14 anos, ou Antón Seoane, que hai 40 anos fundou Milladoiro, e con quen garda unha grande amizade.

“Sabemos que non é moi partidario deste tipo de actos, non lle gusta estar en primeira liña, pero pensamos que o merecía pola importancia que ten para toda a música galega”, sinalaron dende SondeSeu. Romaní foi medio enganado ao teatro García Barbón, onde hai apenas un mes lle avisaron que habería un concerto coas súas pezas “a modo de despedida”.

A noite foi emotiva para todos. Dende a agrupación anfitriona, están adaptándose a unha nova etapa para a que o mestre foi delegando funcións. A sección de arpas está dirixida por Beatriz Martínez; a de contrabaixos, a de gaitas, a de percusión  e a das cantareiras por Xaquín Xesteira; a de zanfonas por Anxo Pintos; a de violíns por Begoña Riobó;  xunto a de requintas e a de buzukis por Xosé Liz.

A comunidade da escola municipal de Artes e Oficios (Emao) tamén se sumou á homenaxe, xa que Romaní leva vencellado á institución dende 1996 en que entrou a dirixir o Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular, que máis tarde, en 2008, daría paso á Etrad como escola independente da Emao.

A gala finalizou cunha entrega simbólica de agasallos en recoñecemento a toda unha vida adicada ao estudo e a divulgación da música tradicional galega dende esta cidade.

Te puede interesar