Día das Letras Galegas

Vigo honra a Luísa Villalta e a literatura galega

Abel Caballero e o goberno local na Porta do Sol durante o acto das Letras Galegas.
photo_camera Abel Caballero e o goberno local na Porta do Sol durante o acto das Letras Galegas.

O Concello celebrou un acto na Porta do Sol onde se lembrou que “Cantares gallegos” foi editado por primeira vez na cidade

Vigo sumouse este venres á celebración do Día das Letras Galegas mediante un acto con música tradicional en directo no que o alcalde Abel Caballero, acompañado de gran parte do goberno local, leu o bando con motivo desta efeméride.

 

 

O texto, foi redactado orixinalmente por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e precisamente recorda o papel de Vigo na conformación desta celebración que califica como “unha das datas máis celebradas e de maior dinamismo” no calendario da Galicia contemporánea. O bando recorda que Rosalía de Castro editou o 17 de maio de 1863 “Cantares gallegos” na imprenta de Juan Compañel en Vigo.

“Das páxinas alí folleadas saíu aquel soño á Rúa Real, e brincou e prendeu nos meniños e daquelas súas laxes mornas esparexeuse por tódalas rúas de Vigo, e de Vigo brincou a tódalas rúas e camiños e vieiros de Galicia”, proclamou Caballero seguindo o bando de Angueira.

O Concello sumouse a esta festa porque na homenaxeada este ano, a coruñesa Luísa Villalta, “celebramos a alta poesía de toda unha xeración que innovou e fixo grande a nosa literatura”, unha muller escritora que “seguiu o ronsel iniciado por aqueloutra muller que, desde Vigo marcou o rumbo daquel soño”. O acto finalizou coa banda de gaitas da Asociación Cultural de Pardavila interpretando o himno galego.

Te puede interesar