Distinguen a Rodrigo Romaní co Premio Laxeiro 2021

vigo

A entrega deste ano, aínda sen data, terá lugar nun acto protocolario sen celebración

A. BAENA. vigo

Publicado: 24 feb 2021 - 00:52 Actualizado: 25 feb 2021 - 01:22

Abel Caballero, onte  xunto a Abel Losada, Carlos García-Suárez e Javier Pérez Buján.
Abel Caballero, onte xunto a Abel Losada, Carlos García-Suárez e Javier Pérez Buján.

O 23 de febreiro é un día de celebración para a familia Laxeiro. A pandemia impedíu o xantar que cada ano reúne ao círculo do pintor nun restaurante de Alcabre para festexar o seu aniversario, seguindo co costume instaurada polo propio artista. Onte tería cumprido 113 anos.

Como homenaxe, o Padroado da Fundación Laxeiro outorga por estas datas o Premio Laxeiro a un personaxe destacado pola súa contribución ao mundo da Cultura. Este ano recae en Rodrigo Romaní, director da Escola de Música Tradicional (E-trad), onde é docente de arpa, amais de dirixir a orquestra Son de Seu. Ante a imposibilidade de organizar o encontro gastronómico, deuse a coñecer o nome nun acto restrinxido na propia Fundación coa presenza do alcalde Abel Caballero, en calidade de presidente da mesma.“Se non fora pola maldita pandemia estaríamos agora reunidos nun xantar”, apuntou.

O rexedor puxo en valor a traxectoria de Romaní como “expoñente excepcional da música na súa forma de entender unha revolución dentro da música tradicional galega”. Expuxo que, desde as súas etapas máis novas, o galardonado entendeu a música como fusión e conectou a tradicional galega coas novas tendencias e formas, introduciu a arpa céltica na música galega e foi un dos fundadores de Milladoiro. Unha traxectoria, dixo, que o fai “digno merecedor deste premio”.

Salientou o seu labor na cidade nos últimos 20 anos, “a súa presenza en Vigo fai del un vigués destacado; foi quen de incorporar milleiros de mozos que fan da música tradicional galega unha forma de sensibilidade”. Por outra banda, sinalou “a dimensión humana de Rodrigo Romaní; home cercano, de diálogo fácil, cunha forma de entender e transmitir a cultura”.

Dimensionar a laxeiro

Dende o Concello, Abel Caballero animou aos membros da Fundación a dimensionar a Laxeiro: “Xa é moi coñecido en Galicia, pero temos que recuperalo e levalo fóra porque foi un dos grandes pintores do século XX e a súa obra envellece moi ben”.

Na Fundación seguen a traballar para catalogar e difundir o legado de Laxeiro.

“Constantemente estamos a recibir nova obra, aínda que na maioría son pezas menores, tamén localizamos hai pinturas importantes, unha no museo de Santiago de Chile e outra nos fondos do Reina Sofía”, afirmou pola súa parte Javier P. Buján, director artístico da Fundación e neto do artista José Otero Abeledo "Laxeiro", nacido en Lalín e morto en Vigo.

As obras están dixitalizadas e na Fundación Laxeiro xa estudan a súa subida á rede con acceso libre a unha parte e restrinxido a total.

RODRIGO ROMANÍ Premio Laxeiro 2021

“O Laxeiro é un premio dunha categoría que non sei se merezo”

Rodrigo Romaní (Noia, 1957), interprete de música tradicional, dirixe a orquestra Son de Seu e a E-Trad, onde é profesor de arpa. Durante 22 anos, ata o 2000, formou parte de Milladoiro. Pola súa contribución cultural, o Patronato da Fundación Laxeiro outorgoulle o Premio Laxeiro.

Como recibíu a nova?

É fantástico por todo o que significa a Fundación e o propio artista, pero tamén o valoro en relación aos persoeiros a quen se lles outorgou antes. É un premio de gran categoría que non sei se merezo.

Basean a súa entrega no seu traballo a prol da música tradicional.

Estou convencido de que o resultado do noso traballo non está na nosa man. Depende moitas circunstacias, entre elas o público ou os propios artistas. Formo parte dunha engranaxe dunha máquina que fai posible os proxectos.

Que tivo de vencello ten co círculo Laxeiro?

Pois o certo é que non tiven a oportunidade de ir a nengunha comida polo aniversario de Laxeiro e tampouco o coñecín persoalmente. Sei o que saben todos, que foi un artista de gran relevancia no mundo cultural galego.

En que proxectos está a traballar con tódalas limitacións da pandemia?

Estou a dar clases telemáticas e con Son de Seu, moi vencellada a escola E-trad, xa preparamos actuacións para o verán, amais estou organizando o festival internacional en Noia.n

Contenido patrocinado

stats