Meli López, directora e programadora de Cineclub Lumière

"Coas plataformas resulta máis difícil achegar o público ao cineclub"

Meli López visitou o set de Atlántico TV.
photo_camera Meli López visitou o set de Atlántico TV.

As noites do luns en Vigo son noites de cineclub. Preto de cumprir os 33 anos da súa fundación, eo Cineclub Lumière segue cunha oferta alternativa. A súa directora e programadora, Meli López, visitou AtlánticoTV para achegar a experiencia cinematográfica que ofrece.

 

 

Na actualidade, en que consiste un cineclub?

Supoño que nas diferentes contornas terán cadansúa programación e un concepto diferente. No caso de Vigo é dar a coñecer directores e películas que non teñen cabida na programación habitual dos cines da cidade. Nun inicio a nosa selección faciámola dos filmes das seccións oficiais dos festivais, agora que xa existen eventos que abordan este campo, nutrímonos de seccións paralelas, de cines máis agochados ou directores menos visibles, sempre cine de autor. Imos adaptándonos ao público que temos e mesmo ao que se oferta na cidade.

 A versión orixinal é unha das características das súas proxeccións. O Lumière foi pioneiro neste campo?

Eu penso que si, cando se iniciou no 93 non había ningunha oferta de versión orixinal na cidade.

 É complicado manterse na era das plataformas?

Antes era más doado. Non había oferta e nós eramos unha ventá aberta, un aire diferente. Agora xa hai máis oferta, moitas plataformas con material moi interesante, estou moi a favor das súas propostas. Con todo resulta máis difícil achegar o público ao cineclub porque hai moita xente que non valora a pantalla grande ou o aspecto social que conleva, compartindo opinións. Compartir as sensacións dun filme é  o que aporta, o que enriquece o visionado do cine.

 O luns é o día do cineclub, pero amais ten colaboracións?

Temos colaboracións coa Universidade de Vigo e unha vez ao mes coa Alianza Francesa, todas no auditorio municipal. O día depende da dispoñibilidade da sala, xa que é un espazo que cede gratuitamente o Concello e hai que adaptarse á programación. Nós temos un convenio anual, e o normal é que xa nos reserven os luns. 

Como funciona un cineclub?

Temos socios que pagan unha tarifa anual, uns 20 euros. Teñen descontos e accesos gratuítos á programación da Universidade. A xente non asociada tamén pode entrar a ver as películas pagando unha colaboración.

Onde procuran os títulos que proxectan?

Faise con bastante traballo porque temos moi pouco orzamento. Estamos a pagar 200 euros por título e resulta moi complicado xa que as distribuidoras piden o dobre no resto do Estado, hai filmes que nos interesan pero que no podemos traer por falta de fondos. Traballamos con distribuidoras de autor, con circuítos culturais alternativos ou directamente co produtora ou cos directores, pedindo case un favor. 

Nestes tempo hai algunha película que lle tivera resultado especial?

Gústame toda a programación que fago. Ao longo destes anos hai algunha cosas que se conseguen despois de andar moito detrás que son especiais, pero en xeral todo o é.

Ao circuíto comercial custoulle saír da pandemia, tamén o cineclub?

O mesmo. A xente no confinamento apuntouse a plataformas e romper ese hábito é moi complicado: Estase cómodo na casa, coa mantiña no sofá, parase cando se está canso, pero no cineclub hai que estar o luns a esa hora.

Cal é a vindeira proposta do cineclub Lumière?

Este luns temos cine noruegués. Unha película moi interesante cunha directora bastante moza que cuestiona a maternidade dende a súa propia experiencia. É ilustradora de banda deseñada, polo que  combina o cine coa animación.

Te puede interesar