Día das Letras Galegas

Miles de persoas esixen en Santiago medidas ante a "emerxencia" do galego no Día das Letras Galegas

Manifestación en defensa do galego en Santiago de Compostela. // Europa Press
photo_camera Manifestación en defensa do galego en Santiago de Compostela. // Europa Press
Piden á Xunta que cumpra o Plan Xeral de Normalización Lingüística de hai 20 anos
Como cada 17 de maio co gallo do Día das Letras Galegas miles de persoas reuníronse en Santiago para reivindicar o uso do galego, especialmente nas administracións públicas. Convocou a manifestación a plataforma Queremos Galego, que esixe á Xunta que cumpra o Plan Xeral de Normalización Lingüística de hai 20 anos e actúe ante a "situación de emerxencia" na que se atopa o uso do idioma.

Segundo a organización, participaron na protesta unhas 15.000 persoas. A chuvia intermitente impediu que esta manifestación fose tan multitudinaria como outros anos. A marcha partiu da Alameda pasadas as 12.15 do mediodía cara a Praza de Galicia.

Tras percorrer varias rúas do Ensanche da capital, metéronse no centro histórico para finalizar, como todos os anos, en Praza da Quintana, onde se deu lectura ao manifesto titulado 'Galego vivo, Galiza viva' nun acto conducido pola actriz Isabel Risco, unha habitual destas convocatorias.

Antes do inicio da manifestación, o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, explicou que esta xa habitual cita do 17 de maio busca reivindicar o esforzo dunha sociedade "que se preocupa día a día de normalizar" o idioma propia fronte "aos límites que se impoñen desde a Xunta de Galicia".

Neste sentido, cargou contra o decreto do plurilingüismo na educación aprobado en 2010 polo Goberno do entón presidente Alberto Núñez Feijóo, que fixa un ensino a partes iguais entre o castelán, o galego e o inglés.

Respecto diso, Maceira reivindicou que o galego está vivo "grazas a un profesorado insumiso ás prohibicións" da Xunta e a un estudiantado "que responde as dificultades para falar galego" e "se revela". "Se o galego está vivo é grazas aos seus traballadores e traballadoras que o utilizan en todos os ámbitos onde, por desgraza, aínda está vetado", engadiu.

Ademais, o portavoz de Queremos Galego lembrou que neste 2024 se cumpren 20 anos da aprobación no Parlamento, por unanimidade, do Plan Xeral de Normalización que buscaba "reverter a situación crítica" que a lingua padecía xa entón.

Unha situación que hoxe "é de emerxencia lingüística", tal e como alertou Maceira, porque a Xunta "aínda non activou" ese plan do que se deben cumprir "todos e cada un dos puntos". "Ese é o gran pacto nacional para a lingua que debe ser respectado e cumprido pola Xunta", insistiu.

Non en balde, o portavoz de Queremos Galego aproveitou para pedir ao novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que "despois dun mes de ser nomeado" se reúna con eles e outros colectivos a favor do idioma.

Te puede interesar