Miguel Santalices: "No Parlamento temos unha boa harmonia, non é crispante"

Miguel Santalices abordou diferentes temas de actualidade na entrevista.
photo_camera Miguel Santalices abordou diferentes temas de actualidade na entrevista.

Miguel Santalices é o presidente do Parlamento de Galicia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, realizou un repaso sobre as funcións do Parlamento galego, así como outros temas como o relevo na presidencia da Deputación ou a situación política que se vive en Ourense, cidade na que se atopa a exposición itinerante do Parlamento de Galicia.

 

Ten a sociedade interiorizadas as funcións do Parlamento?

Vivimos unha crise parlamentaria. Os parlamentos non son o suficientemente coñecidos, e, se o son é por situacións que nada teñen que ver co debate parlamentario. Este é un dos nosos obxectivos no Parlamento galego: ter unha cámara máis coñecida, máis implicada socialmente, que estea máis metida entre a xente para que coñezan o traballo que fan os deputados. Non en vano estamos a falar do poder lexislativo e da primeira institución da comunidade autónoma.

 

Como resumiría esas funcións?

A de lexislar. É básico, xa que as leis aféctannos a todos. Tamén a función de control ao goberno, que se realiza coas interpelacións e preguntas que se lle poden facer ao goberno. E a capacidade lectiva, non esquezamos que no Parlamento se elixe ao presidente da Xunta. Por alí pasa a Valedora do Pobo, os Consellos de Contas… Tamén puxemos en marcha outra serie de iniciativas nas que pode participar a cidadanía, sempre co obxectivo de abrir o Parlamento á sociedade.

 Que función ten que xogar o presidente do Parlamento nesta apertura?

Un papel importante. Temos que ter unha política cultural propia, que é a forma de integrarnos na sociedade. Hai que ir a moitos actos. A xente vai asociar que está o parlamento se ven ao seu presidente. Tamén nos estamos implicando en proxectos novos, achegando á cidadanía. Neste senso, temos un programa de visitas guiadas todos os luns, que está funcionando moi ben. Calquera pode coñecer o Parlamento cun guía que lle explica o noso traballo, as distintas dependencias… Temos tamén un convenio coa consellería de Educación co que os colexios que pidan visitar o Parlamento teñen a viaxe pagada. Tamén están actos como as presentacións de libros ou a nosa colección de arte, que defino como a mellor colección pública de arte galego contemporáneo.

 

O Parlamento tamén está saíndo á rúa. Un bo exemplo é levar unha exposición desa mencionada arte ás cidades galegas, tamén a Ourense.

Era obrigado vir. Ourense é unha fonte interminable de artistas. Os ourensáns temos unha creatividade especial. A idea de que a exposición fose itinerante é dar a coñecer unha colección feita durante moito tempo. Nos 42 anos de vida do Parlamento fíxose un esforzo moi grande de preservación da nosa cultura a través de obras de arte. Entendemos que é unha inversión que queda para o futuro, e, ao mesmo tempo, estamos poñendo en valor aos artistas. Son case 400 pezas entre cadros, esculturas e outras pezas, das cales son 40 ou 50 as que viaxan polas cidades galegas.

 

Cústalle cada vez máis xestionar a crispación dentro do Parlamento?

Hai etapas. O noso Parlamento non se caracteriza por ser crispante. Estou moi agradecido aos deputados porque temos unha boa harmonía. Tratamos, na medida do posible, evitar aquelas situacións que están fóra do parlamentarismo normal. Esta lexislatura rara vez chamei ao orde a alguén. Outras lexislaturas foi máis complicado ao haber máis grupos. Como norma xeral, o noso é un parlamento de debate profundo, pero que mantén unha cortesía parlamentaria. Escápase do insulto sen evitar que sexa un debate duro. Ademais, creo que hai bastante consenso. É raro o pleno no que non haxa algunha proposta aprobada pola unanimidade da cámara, e iso é moi importante. Do que máis me agrada é que, nun tema tan importante como o da violencia de xénero, as tres parlamentarias que representan a PP, PSOE e BNG, son excelentes. Fan un debate cargado de ideoloxía, pero sempre deixan un oco para chegar a un acordo, e chegan sempre.

 

Aínda non está desbotada unha repetición electoral, pero en Galicia xa semella que estamos en precampaña. Ten vostede a mesma sensación?

Non sei cando van ser as eleccións en Galicia, con todo, no Parlamento avisarannos xa que hai que disolver as cortes. Xa é costume na democracia española que cada proceso electoral estea precedido deste tempo de precampaña, que cada vez se amplía máis. Iso tamén ten as súas repercusións no parlamento. Os deputados intensifican a labor de oposición ou de defensa do traballo feito segundo o seu partido. Se todo isto se pode facer dentro do parlamentarismo de cortesía, creo que é frutífero para o debate.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Está freando o desenvolvemento galego e a actividade parlamentaria  a inestabilidade que se vive no Estado español?

Ten unha repercusión indubidable en todo o Estado. A nivel das comunidades autónomas, ten a repercusión de que xera unha inquietude moi grande, porque se están falando duns temas que nos preocupan a todos. O sistema de financiamento das comunidades autónomas é básico para que desenvolvamos aquelo que é necesario para o noso facer diario. Estou escoitando que se unha comunidade autónoma ten que formar parte do acordo porque, de non ser así, manterase a inestabilidade. Esta comunidade preséntase cunha cantidade orzamentaria de miles e miles de millóns de euros. Se iso se acorda, irá en detrimento das demais comunidades autónomas. Se lle das todo o que pide a esa determinada comunidade, estás danando ás demais.

 

Dicía en 2022 que Feijóo non ía dar o salto a Madrid, pero, ao final, deuno. Como valora agora a súa postura alí e como se está desenvolvendo?

Naquel momento a xente preguntábase se o presidente ía dar o paso ou non. Recordo que maioritariamente todo o mundo dicía que si. Eu sostiven sempre que non. Aquilo fora todo moi de présa. Non dera tempo a reflexionar sobre o que iso supuña. A nosa lexislatura estaba nun momento incipiente. O que a min me preocupaba era se o presidente non tiña claro o entorno onde ía ir e que cousas podían pasarlle. Creo que a el pesoulle a responsabilidade de xestión da comunidade autónoma. Con todo, deuse outra situación, na que foi reclamado, polo que non podía negarse. Por riba de todo estaba solucionar unha situación terrible que tiñamos a nivel de partido. Non lle está indo mal en Madrid, porque os resultados, aínda que os esperabamos mellores, amosan que hai confianza no noso presidente. Aquí había moita preocupación coa súa marcha, pero o presidente Rueda foi unha sorpresa agradable para todos.

 

En España, semella que PP e PSOE están máis lonxe ca nunca. Vostede sinalaba que aquí sempre chegan a acordos. Como valora esta situación de maior entendemento?

Valoro todas as iniciativas que se acordan por unanimidade, implicando  aos tres grupos. Sobre todo naqueles temas que teñen transcendencia a nivel de comunidade. Hai moitos temas que igual non se difunden tanto, pero son de moita transcendencia. Falo de infraestruturas, de política social, de igualdade... Neste último case sempre hai acordos por unanimidade. Iso é moi de louvar. Por exemplo, xa aprobamos dúas veces, por unanimidade, o traspaso da AP-9. Iso é moi positivo, e penso que a xente tamén o valora. A xente depositou en nós os seus votos, a súa confianza, e por iso temos que estar á altura das circunstancias.

 

Estivo aquí cando Luis Menor tomou o cargo de presidente da Deputación. Empeza unha nova etapa no goberno provincial.

Ábrese unha nova etapa, non cabe dúbida. Primeiro, houbo unha transición exemplar, que non sucede sempre. É certo que Manuel Baltar ten o seu perfil, e Luis Menor outro diferente, pero ambos se definen porque os move facer cousas que beneficien a todo o mundo. Menor é un gran alcalde,  pero tamén ten experiencia xestionando a Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta. Estou satisfeito de como se fixo ese relevo e penso que estamos no bo camiño para que a Deputación siga funcionando no sentido correcto, preocupándose polas necesidades dos concellos e, en especial, dos concellos do rural.

 

Falando de relevos, tamén houbo un cambio no PP da cidade, onde entrou Victoria Núñez substituíndo a Manuel Cabezas. Que opinión lle a nova presidenta da xestora do partido en Ourense?

Eu era moi amigo de seu pai, que tamén foi presidente do Parlamento. Tiven a honra de, cando me elixiron presidente da cámara, decidín que había que continuar coas medallas do Parlamento. Era un tema que estaba aprobado pero nunca se dera, así que pensei en que era algo que tiñamos que aproveitar e entregalas. Levei a proposta á mesa de que se entregaran eses recoñecementos aos expresidentes, pero Victorino Núñez xa falecera. Así, eu entregueilla aos demais expresidentes e, a del, entregueilla á súa filla. Así, política na casa aprendeu moito. É unha muller preparada e creo que ten un encargo do partido que non é menor: tratar de reconducir e poñer en marcha o asentamento do partido na cidade, onde sempre foi maioritario. Creo que é unha muller con experiencia e o que hai que facer é deixala e axudala todos no seu traballo.

 

Falaba sobre ese ambiente de “non crispación” que hai no Parlamento. Como se sinte cando ve o que ocorre na cidade de Ourense, onde se vive todo o contrario?

Entristéceme moito. Non vou entrar nos temas que se discuten. Como ourensán que presume diso, non me gusta nada que nos plenos sexan trabados, que se produzan insultos... Aquí, en Ourense, sempre nos caracterizamos polo respecto institucional, e dáme pena que esa institucionalidade se estea perdendo. Preocúpame moito o descrédito institucional que estamos a vivir.

 

Pode ser que isto se dea pola caída do nivel dos políticos?

Todo foi cambiando. Se se mira a evolución do Parlamento, os debates que se facían antes eran cun argumentario no que non se dicía a un adversario: “Minte”. Hoxe é habitual e úsase con moita fluidez. Antes argumentábase dun xeito máis cariñoso. Esa forma parlamentaria cambiou, aínda que non cambiou a profundidade do debate. Desgraciadamente, esas malas formas xa foron asumidas. No concello de Ourense, hoxe a palabra “minte” é diaria. Penso que aquí todos deberían de facer un esforzo, porque está en dúbida a credibilidade dos políticos. A xente pensa que, en lugar de estar preocupados polas súas necesidades, están alí insultándose. Para iso hai que estar en contacto coa sociedade. Non hai nada mellor como deputado que cando consegues algo que sabes que vai beneficiar á xente. Por exemplo, unha hemodinámica que funcione as 24 horas en Ourense, pola que eu pelexei moito. Non sabes o ben que se durme. Estás toda esa noite pensando en que fixeches algo bo para a xente. Ese debería ser o noso obxectivo, facer cousas en beneficio da xente.

 

Entón hai noites nas que non se durme ben?

Moitas. Eu teño noites de durmir moi ben, pero tamén de durmir moi mal, aínda que estas últimas son menos. Equivócome a diario, pero son consciente. Iso si, despois non teño problema en falar co deputado co que me equivoquei e pedir desculpas. Ao final, sempre nos acabamos entendendo e arranxando as cousas.

Te puede interesar