Actividades ao redor de Luísa Villalta

A poeta Luísa Villalta, protagonista das Letras Galegas 2024.
photo_camera A poeta Luísa Villalta, protagonista das Letras Galegas 2024.
Concellos como Redondela, Gondomar, Baiona ou Salceda conmemoran esta data 

A celebración do Día das Letras Galegas, instituída en 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar daquela o centenario da primeira edición de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, é unha data que calou fondo dende o principio na poboación. Hoxe, 61 anos despois, segue a ser festexada en todos os recunchos de Galicia.

Concellos e asociacións veciñais e culturais programan para este día numerosas actividades, aínda que, nos últimos anos, ao ser considerado festivo, moitas destas accións lévanse a cabo nos días previos ou posteriores ao 17 de maio, o lle adican unha semana e mesmo o mes enteiro.

O Concello de Gondomar, por exemplo, comezou xa as súas actividades conmemorativas, centradas na figura da poeta Luísa Villalta. Hoxe, ás 11 horas, dende a Praza de Paradela, dará saída a tradicional Festa da Bicicleta do Val Miñor, que este ano chega a súa 34 edición. Tamén este mesmo venres, ás 19 horas, na Praza de Rosalía de Castro, terá lugar un Acto Poético-Musical no que a música correrá a cargo dos grupos Ecos e Agarimos de Peitieiros, grupo de gaitas Cores do Sobreiro, Pandereteiras de Sobreiro, Leo Casavella e Xuxo o Terrible, e no que Soledad García recitará poemas.

Para rematar estes días de conmemoración o sábado haberá dobre sesión musical. A partir das 10.30 horas, a Banda de Música de Guláns realizará un pasarrúas polo centro da vila e xa polo serán, contra as 20 horas, será o turno da Banda da Agrupación Musical de Vincios, que realizará un concerto na Praza Paradela.

O alcalde Paco Ferreira sinalou que “a oferta cultural de Gondomar é sen dúbida unha das máis amplas de calquera concello do noso tamaño, proba da nosa aposta pola cultura, pola tradición e neste caso para rememorar con diferentes actividades a figura de Luísa Villalta”.

O Concello de Baiona súmase a esta data, a través da Biblioteca Pública Municipal, coa celebración do espectáculo “Tinta do Mar. Pequena biografía de Luísa Villalta”, unha sesión de narración oral a cargo de Polo Correo do Vento. A través de contacontos ilustrados e música, este evento ten como obxectivo dar a coñecer a vida e obra de Luísa Villalta, complementando así o seu libro “Tinta do Mar, pequena biografía de Luísa Villalta”, do que son autores xunto a Tania Solla.

Salceda de Caselas programou tres días de actividades. Hoxe, 17 de maio, celebrarase a sétima Mostra dos Maios e unha lectura continua de textos de Luísa Villalta na Praza do Concello, ás 13 horas. O sábado, haberá teatro cos coñecidos actores galegos David Amor e Josito Porto, que presentan o espectáculo “Go Home”, no Auditorio Municipal, ás 20.30 horas.

A programación continuará o 24 de maio, coa presentación do libro “Recortes da Historia de Salceda de Caselas - Budiño”, de Marco Rivero e Marcos Besada, na Casa da Cultura Castelao, ás 20.30 horas.  A música porá fin ao mes das Letras, cun concerto acústico de Urbano Cabrera, o 31 de maio, no Auditorio Municipal, ás 21 h.

Redondela, que está en plena celebración do Festival Internacional de Títeres, como é xa tradicional, reserva esta xornada para festexar as Letras dentro desta cita co teatro de rúa de monicreques, que comezará cun acto institucional. 

Te puede interesar