Xosé Manuel Soutullo: "Marcaremos as tarefas co horizonte posto en 2025, no que Galaxia cumpre 75 anos"

Xosé Manuel Soutullo, na sede da Fundación Penzol.
photo_camera Xosé Manuel Soutullo, na sede da Fundación Penzol.
Galaxia comunicaba o pasado venres o nomeamento de Xosé Manuel Soutullo (Vigo, 1956) como novo director xeral desta emblemática editorial galega

Galaxia comunicaba o pasado venres o nomeamento de Xosé Manuel Soutullo (Vigo, 1956) como novo director xeral desta emblemática editorial galega.  O anuncio pecha un mes de incertidume logo da polémica dimisión do anterior responsable, Francisco Castro, ao non sentirse respaldado por esta entidade ante as críticas recibidas pola súa xestión. Soutullo é un home da casa, vencellado a Galaxia dende hai máis de 40 anos. Actualmente, é director da Fundación Penzol. Onte á mañá paseaba polo monte coa súa cadela, baixo a chuvia, o que non impediu que atendese telefonicamente a Atlántico para esta entrevista.

Parabéns. Foi unha sorpresa ou xa se barallaba o seu nome durante este último mes?

Foi un proceso bastante rápido. Non moitos días antes do nomeamento falaran comigo para ver que disposición tiña porque, como sabes, eu estou agora dirixindo a Fundación Penzol e saíra de Galaxia por retiro hai menos de tres anos. O Consello de Galaxia considerou que eu era unha persoa adecuada para este periodo e aí estaremos o tempo que faga falta.

 Ponse punto e final a unha crise inédita en Galaxia coa dimisión do anterior director xeral e do xeito na que se produciu?

Efectivamente, nunca se dera a circunstancia da dimisión dun director xeral. Houbo saídas polo tempo que se levaba e algunhas moi dramáticas, como foi o falecemento de Carlos Casares, tan inesperado. Pero non, nunca se dera esta circunstancia, que xa explicou o propio Francisco Castro nunha nota e eu aí non teño nada que comentar. Agora se abre unha etapa e se cerra outra cun novo responsable. Iso é o que compre dicir. Non hai máis misterio.

Nesta nova etapa, que proxectos ou que liñas pensa seguir como director xeral?

Galaxia ten uns equipos que non deixaron de traballar, que teñen ampla experiencia con distintas responsabilidades dentro da empresa, desde a administración, a loxística, o equipo editorial... Mesmo a revista “Grial”, que ten o seu propio consello de administración e a súa dirección autónoma, con Henrique Monteagudo. Todo iso segue en marcha, como é natural. Eu, como comprenderás, necesitarei uns días para reunirme cos responsables das distintas áreas e facerme unha idea da situación exacta da editorial. Marcaremos as tarefas para o próximo ano e, sobre todo, co horizonte posto en 2025, porque ese ano Galaxia cumpre 75 anos. Queremos que sexa un ano de moita relevancia e moita presencia da editorial. Se queremos facer algúns proxectos ambiciosos para esa celebración, temos que empezar a traballar xa nesa liña. Hai algunhas ideas que están por callar, por debullar, e aí é onde, en principio, vou centrar o meu interese como director. Para unha visión máis xeral, máis estratéxica, necesitarei algún tempo máis. A situación da editorial é boa, desde todos os puntos de vista. Está saneada economicamente, cun plan editorial robusto e, por tanto, non hai nubes que tolden o futuro, dende o meu punto de vista. Hai que ter a prudencia de conservar o bo que se leva feito, que foi moito.

O reto que ten por diante é enorme tendo en conta a situación da industria do libro.

No mundo editorial galego esa preocupacion é permanente polas propias características do noso mercado. No entanto, neste últimos anos, despois da saída da covid, os números, polo menos no que atinxe a Galaxia, non foron malos. Recuperáronse niveis anteriores á pandemia. O problema que temos sempre é que as editoriais galegas nos diriximos a un mercado relativamente pequeno e, por tanto, sempre hai que xestionar con coidado para non esvarar.

 Vostede é director da Fundación Penzol. Vai compatibilizar este cargo co de Galaxia?

En principio, ata que o Padroado da fundación o determine, eu seguirei compatibilizando, na medida do posible, os dous cargos. Penzol e Galaxia forman parte dun mesmo proxecto e a propia estrutura empresarial de Galaxia pode botar unha man nas necesidades de xestión que se poidan presentar. Non estou preocupado por iso. É certo que compatibilizar as dúas direccións non parece que poida ser sostido no tempo, pero, polo menos, ata que o Padroado se reúna e valore como resolver este asunto, aí estaremos.

 Rematará entón o ano de Francisco Fernández del Riego á fronte da Penzol?

Si, foi un ano moi intenso, porque ademais do ano de Del Riego cumpríamos os 60 anos da Fundación Penzol e eran os 60 anos das Letras Galegas. Tivemos algunha actividade que nos levou traballo, como a exposición “60 pezas para 60 anos”. Foi un ano intenso e creo que moi bonito para nós. 

Te puede interesar