Luísa Villalta na Fundación Penzol

A exposición sobre Luísa Villalta permanecerá na Casa Galega da Cultura ata o 29 de setembro.
photo_camera A exposición sobre Luísa Villalta permanecerá na Casa Galega da Cultura ata o 29 de setembro.
Unha exposición bibliográfica amosa os títulos dispoñibles na biblioteca viguesa sobre a autora das Letras

A Fundación Penzol despregou todos os seus fondos sobre Luísa Villalta, a autora homenaxeada pola Real Academia Galega, adicándolle as Letras Galegas 2024. Na entrada da Casa Galega da Cultura, onde ten a súa sede, instalou unha montaxe con paneis e expositores, onde fan un repaso pola súa vida e obra. O seu obxectivo é participar no seu recoñecemento “cun carácter divulgativo”.

A mostra que se inaugurou onte está formada por catro paneis e tres mesas-vitrina, onde se amosan corenta publicacións que recollen boa parte da súa obra, todas pertencentes aos fondos da Biblioteca Penzol. Tal e como sinalaron os responsables, “están a dispor das persoas interesadas”. 

Villalta publicou, en apenas vinte anos, case que quince títulos, ademais de numerosos textos en revistas e publicacións colectivas. Unha intensa actividade que se decanta nunha obra que abrangue diversos xéneros literarios: o ensaio, o teatro, o xornalismo de opinión, a narración e mais a poesía. O seu falecemento temperán, en 2004, con só 46 anos, tronzou a súa vida nun momento de plena madureza creativa. Ademais da súa actividade literaria, tamén foi unha notable violinista. 

Na presentación asistiron Malores Villanueva, secretaria do Padroado da Fundación Penzol; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Xesús Alonso Montero; o alcalde Abel Caballero e Susana Villalta, irmá da homenaxeada, para quen “Luísa está máis viva que nunca”. Como dixera o Día das Letras, autora non só destacou pola súa calidade literaria, senón polo seu compromiso, “sempre viviu acorde aos seus principios”. Pola súa parte, o rexedor expresou a súa admiración pola súa forma de entender a literatura e a música.  A mostra permanecerá aberta no vestíbulo do edificio ata o 29 de setembro.

Te puede interesar