José González: “Debemos orientar a formación cara as necesidades empresariais”

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a entrevista no plató de Telemiño.
photo_camera O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a entrevista no plató de Telemiño.
“Para acadar a remuda xeracional debemos acompañar e dar facilidades aos que desexen emprender”, sinala o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González, repasou as liñas mestras que seguirá a súa Consellería neste novo mandato en materia de creación de postos de traballo e dinamización do comercio. O único conselleiro ourensán do novo goberno galego tamén deixou claro que traballará coa vista posta na nosa provincia.

É o único conselleiro ourensán no novo Goberno da Xunta, pero a súa é unha Consellería con moita representación da nosa provincia con nomes como Gabriel Alén ou Rodríguez Miranda. Supón isto unha declaración de intencións?

Creo que non só na miña Consellería, senón que no conxunto da Xunta de Galicia hai unha aposta importante por ourensáns. Por outra banda, eu creo que o máis importante máis alá das persoas é a aposta que foi expresada polo presidente Rueda. Eu busco as persoas con maior capacidade e neste caso coincide que son de Ourense.

Estes días está  a manter unha rolda de contactos cos principais axentes sociais e económicos de Galicia. Que escenario estánlle a presentar?

Teño que dicir que foi moi satisfactoria, tanto coa CIG coma con CCOO. Pedímoslle que nos puxeron enriba da mesa as súas principais problemáticas. A idea que temos é falar nun proceso de escoita activa con todas as organizacións dentro do meu ámbito.

Sectores como a hostalaría, o comercio e a construción afrontan un problema gravísimo como é o da remuda xeracional. Faltan perfís técnicos, como se vai abordar isto dende a consellería?

Cando se fan enquisas aos empresarios unha das maiores preocupacións que hai neste momento é a falta de man de obra. É un problema xeneralizado. Creo que é importante en primeiro lugar ter claro cales son o tipo de postos de traballo que demandan as empresas. A Xunta de Galicia é a primeira administración autonómica de toda España que ten unha ferramenta baseada na intelixencia artificial para poder detectar esas necesidades. Pola banda da demanda, temos que atinar na formación para o emprego e temos que ser moito máis flexibles nese ámbito, orientando á formación as necesidades que requiren as empresas.

A chegada do AVE ía ser o gran revulsivo da economía ourensá, é certo que hai sectores que si o están a notar como o da hostalaría pero considera que está a ter impacto no desenvolvemento económico da provincia?

Agardemos que haxa chegada completa do AVE, pero é indubidable que un elemento como este que ten movido tantas partes do territorio ten que supoñer un revulsivo. Na miña consellería creo que podemos facer un traballo para ligar o turismo que chega co AVE a cuestións tan importantes na provincia como a revitalización do comercio. Aí temos traballo que facer e temos que ir da man as diferentes administracións.

A Xunta ven aplicando as vilas un elemento para o seu desenvolvemento como son ese polos de emprendemento. Cómo están a funcionar?

Galicia é un territorio que ten evidentemente moito territorio rural. Eu coñézoo ben polas miñas competencias anteriores. Temos que apostar dende o punto de vista do comercio pola remuda xeracional nas cidades sen descoidar o resto da comunidade. Tamén debemos ser capaces de detectar que novos negocios se poden abrir no territorio e de aí os polos de emprendemento. É unha iniciativa que ten que ver tamén con esa aposta de Xunta polo territorio, por ser capaces de darlles un acompañamento a aqueles que queren emprender.

No Consello da Xunta celebrado este mesmo luns aprobáronse dous programas vinculados coa economía social e o emprego autónomo. Que medidas implantarán?

Nós temos un programa de subvencións moi importante no que se refire ao emprego autónomo, eu mencionaría nese ámbito a cota cero aos novos autónomos. Ao mesmo tempo tamén apoiamos todo o que ten ver coa súa dixitalización. A propia estrutura da Consellería pon de manifesto a necesidade de reforzar tanto a economía social como o emprego autónomo.

Nese sentido Ourense vai camiño de ter máis emprego público ca autónomo. Podéselle dar a volta a esta tendencia?

Galicia sitúase por enriba da media nacional en emprego autónomo, somos unha comunidade autónoma de emprendedores. Creo que temos que seguir nesa liña de apoio ao emprendemento e ao traballo autónomo. Un dos grupos de idade que máis sofre o desemprego son os xóvenes, ademais cerca do 60% aínda vive cos pais.

Onde radica o problema?

É certo que en Galicia e España temos unha taxa de desemprego xuvenil máis alta ca media europea. Tamén temos unha taxa de licenciados universitarios máis por riba da media. Creo que existe un desaxuste entre a formación e a demanda das empresas. Tamén creo que radica nun problema cultural, existen sectores como a hostalaría ou o sector primario que hai anos non tiña a remuneración coa que contan hoxe.

Xunta e Deputación negociaron un posible desbloqueo da Cámara de Comercio de Ourense, en que punto estamos?

Unha provincia como Ourense, con sectores empresariais que se están internacionalizando, non pode prescindir dunha Cámara de Comercio. Dentro de ese diálogo que estamos a ter temos que solucionar un problema como este.

O goberno autonómico contempla coma unha posible solución para a recuperación do rural atraer nómadas dixitais, pero está o rural preparado para iso?

Esta sería unha solución máis para atacar o problema de fondo do despoboamento. Hai poucos territorios tan ben preparados para acoller a xente en tan boas condicións como o rural galego. Isto danos diferentes posibilidades como colivings, coworkings localizados en aldeas ou vilas. Temos que ter unha visión de conxunto para darlle ao rural ese desenvolvemento que necesita.

O Bono Comercio da Xunta esgotouse en apenas cinco días. Medidas así son chave para reactivar o comercio local?

O importante é que ademais dos cartos públicos que pomos nós, isto ten un efecto potencializador que supuxo unhas compras de máis de 12 millóns de euros. Isto debe ser algo complementario en momentos de caída de demanda. Podo adiantar que no próximo outono teremos unha edición similar. Outra das patas da consellería é Emigración.

Como se plantexa a Estratexia Retorna?

Temos que acoller tanto a fillos de emigrantes galegos como inmigrantes doutras nacionalidades, buscando ofrecerlles un traballo e condicións dignas. Nós demandamos que se axilice moito máis todos os procesos de estranxeiría, cremos que hai demasiada burocracia. Dende a Consellería debemos perfilar a selección en orixe, que os que retornan veñan convencidos do seu posto de traballo e incluso que poidamos ter unha formación previa. Falamos dos que retornan pero tamén debemos falar dos que se van, xa que hai moitos xóvenes que emigran en busca dun emprego que lle ofrece mellores condicións.

Ten isto solución?

Hoxe o que busca o empresario é xente cunha boa cualificación adaptada ás necesidades do traballo pero que non discute moito ao respecto dos salarios. O que debemos atinar a ese axuste entre oferta e demanda. Nese sentido creo que Galicia é unha terra moi atractiva para xerar postos de traballo e para que a xente xoven se sinta cómoda.

A actual situación de crispación política dificulta a transversalidade entre institucións?

Crispación depende onde. En Galicia temos unha situación política de estabilidade, temos un goberno forte, con vontade de consenso, pero que non ten trabas á hora de tomar decisións por parte de ningún socio. No goberno nacional, en cambio, vimos de situacións tirando ao esperpento hai apenas unha semana. Se falamos de esperpento político en Ourense sabemos moito.

Vai ser difícil chegar a calquera tipo de acordo ou colaboración co Concello da cidade?

Eu teño a man tendida a calquera. Os políticos estamos para traballar polos intereses dos cidadáns. Hai un posicionamento da Xunta e da miña consellería de apoiar e favorecer o progreso da cidade e da provincia. Ademais, Ourense conta cun presidente coma Luis Menor que é un home de consenso. Vostede é o terceiro conselleiro de Emprego en apenas un ano.

Esta inestabilidade pode afectar a unha Consellería con tanto peso na vida diaria das persoas?

Non falaría de inestabilidade senón de cambios. Hai unha liña de traballo que as miñas predecesoras seguírona de xeito moi positivo. Os políticos estamos de paso e temos que tratar de mellorar as competencias que nos toca asumir.

Tras máis de 15 anos ao fronte do goberno, que ten que ofrecer de novo o PP aos galegos?

Son 15 anos pero con presidentes diferentes, o que supón un cambio relevante. Alfonso Rueda ten claro o que debe ser Galicia, pediunos apostar claramente por esa actividade económica e empresarial. Temos unha terra que ofrece moitas posibilidades.

Te puede interesar