Balonmano | División de Honor

Queimada no municipal

O himno galego sonou cheo de emotividade, interpretado por unha banda de gaitas e as 1.638 gorxas do pavillón cantando a capela.
photo_camera O himno galego sonou cheo de emotividade, interpretado por unha banda de gaitas e as 1.638 gorxas do pavillón cantando a capela.
As 1.638 persoas que ateigaron onte o recinto porriñés vibraron cunha festa do deporte feminino galego na que non faltaron o himno, as emocións e os azos das dúas afeccións

Toda boa festa precisa de música. E a queimada do balonmán galego tamén tivo a súa. Quen lle ía dicir a Pondal que o seu poema ‘Os pinos’ ía ser musicado e cantado -tamén- nun partido con 1.638 persoas nas bancadas do Municipal. A emoción estaba servida antes do comezo, coas gaitas e os bombos acompañando ás dúas afeccións. 

A fermosura da irmandade previa deu paso ós azos. Cada quen ás súas. A bancada de animación do equipo local, formada por rapaces e rapazas das categorías inferiores, empurrou todo o que puido, pese a que a cousa non pintaba demasiado ben no primeiro tempo. O moucho Lou, mascota do Porriño, viviu a súa estrea nun derbi con vitoria e sen deixar de empurrar tanto a xogadoras como a siareiros. A receita funcionou.

No outro lado estaba a chama inesgotable. O Inferno da Sangriña acudiu a súa particular misa de doce, inda que nun templo distinto do habitual. As cantigas, iso si, foron as de sempre. O Guardés notouno nun brillante primeiro tempo que non atopou continuidade no segundo. 

Todo no medio dunha morea de xente, que non quixo perder o derbi matinal. Como Sandra Santiago e Carla Gómez, xa no outro lado do xogo. Os sobresaltos ían e vían, as emocións sobresaían. Berros, festexos, lamentos. Todo cabe na vida en 60 minutos. Con fans de todas as artistas. E dos que non xogan. Como Will Ferrari, asistente do Guardés, que recibiu o agarimo dos seus cun simpático cartaz.

Te puede interesar