Balonmano | División de Honor

Unha vitoria de profundidade para o Porriño no derbi galego

Casasola atopa o sitio entre a defensa do Guardés para tentar o lanzamento no derbi galego xogado onte no Municipal do Porriño.
photo_camera Casasola atopa o sitio entre a defensa do Guardés para tentar o lanzamento no derbi galego xogado onte no Municipal do Porriño.
O Porriño remontou na segunda metade un derbi galego dominado polo Guardés ata chegar ó descanso (10-15)

Unha remontada de ledicia porriñesa e tristura guardesa. Un partido con primeira metade miñota e segunda louriñesa. Moita emoción ata o último minuto, paradas decisivas, defensa dura, dos bos tempos dos ‘Bads Boys’ dos Pistons dos noventa, e, por enriba de todo, un derbi galego que rozou a excelencia, cunha calidade colectiva, individual e táctica, de auténtica élite en España por iso o Porriño e o Guardés están entre os seis mellores equipos da División de Honra. Polo visto onte nun Municipal porriñés que non chegou ó cheo, rozouno, pero tivo un ambiente para gozar do deporte, dos que gusta estar como espectador, xogador ou xornalista. Tan quente como cordial. 

E, no deportivo, gañou o Conservas Orbe Rubensa Porriño porque na tempada actual, neste momento, é un equipo máis longo que o Guardés. Ten máis versións, máis versatilidade e a opció para experimentar un segundo, un terceiro e ata un cuarto plan se as cousas non saen. Ten máis dunha ducia de xogadoras con facultade para aportar e, pola contra, o Guardés seduce por unha primeira unidade de alta calidade liderada por Cecilia Cacheda dende o posto de central. Unha presentación que é para competir e, superar como fixo onte na primeira metade, a case calquera rival. Pero na pista do Municipal non apareceu ningunha opción máis cando o precisou no segundo tempo. E así, rematou por ceder o encontro. 

Ata o descanso, o partido foi miñoto. Na forma e no fondo, na defensa e no ataque. Iso si, con oito xogadoras ó facer un único cambio, o de Cacheda por Cifuentes entre o ataque e a defensa e co engadido de Áfica Sempere para os sete metros. E, esa fórmula, de rotundo éxito pero recursos limitados, foi o primeiro problema. Cristina Cabeza opta por un balonmán á carreira, de moito ritmo e, probablemente, aguantalo unha hora sen trocos, é case imposible.

Cando todo funciona, a fórmula é fermosa. Cecilia Cacheda dirixia con acerto na elaboración e algún que otro erro na finalización -rematou con 1 de 7 de en lanzamento-. María Palomo facía dano dende o pivote, os balóns chegaban con certa soltura ó extremo e Blanka Hauptman marcou para facer o 7-13. Primeira renda de seis para o equipo da Guarda. Despois un 8-14 e ó descanso chegouse con 10-15. Valles dende os sete metros e Prelchi no pivote mantiveron ó Porriño con certas opcións. Non tiñan o partido perdido no intermedio e para as locais case era a mellor nova. Tamén a aparición no minuto vinte de Maddi Bengoetxea, atrás e adiante, mentres que Estela Carrera, porteira visitante este ano, amargou ás súas excompañeiras cun 40% de eficacia antes do lecer. Especialmente desacertada dende o extremo estimo Maider Barros con cinco lanzamentos e ningún gol. Difícil. 

Tiña que trocar cousas Isma Martínez no descanso e tirou de manual. No balonmán actual, do de hai unha década, no de hai dúas, e no de facía corenta anos, a defensa é a chave. Especialmente, se no ataque non se anda fino. Concedeu o equipo local un gol de contragolpe no primeiro minuto do segundo tempo e, despois, observouse unha remontada de recordo dende a contención porque, pese a todo, as cifras ofensivas das locais nunca foron realmente boas. Pero a liña do 6:0 resultou sobresaínte, definitiva. Polo centro apareceu Inés Hernández para dar aire a Carmen Prelchi e Aitana Santomé. O centro pechou portas e, sobre todo, o fixeron as segundas con Maddi Bengoetxea, que igual non é a xogadora máis espectacular do mundo pero executa todo ben nos dous lados da pista, e a veterana Sarai Samartín. A mosense ofreceu un recital de balonmán defensivo tras o descanso. Tapou pases, forzou erros, parou as circulacións, torturou á lateral Itziar Martínez e repartiu porque en toda boa defensa de balonmán, hai que saber soltar as mans con velocidade e acerto para evitar exclusión e parar as rivais. E onte, nese traballo subterráneo e menos vistoso de destrución, ofreceu un recital de intensidade. A partir da defensa, extrema e ben executada, o Porriño deixou ó seu rival sen marcar en 14 minutos.  Palomino, baixou paus, axudou na remontada. 

É unha forma de dicilo, a segunda, é que o Guardés foi incapaz de facer un gol nese tramo de tempo. A defensa axustou a circulación de Cacheda, Pauli Fernández estivo lonxe do seu nivel habitual e, dende o banco, non apareceron solucións. Primeiro probou Cristina Cabeza con Rodovic -tres minutos-, despois optou por María Sancha -á que pronto mudou por Haupman- e pola brasileira Andreza Almeida. Non funcionou case nada, aínda que o Guardés tivo opcións nos últimos dez minutos coa segunda exclusión de Prelchi e as aportacións de Elena Amores como extremo por toda a pista. 

Así, en inferioridade local, o marcador chegou a sinalar 22-20 e a cancerbeira porriñesa Ayelén, tras un mal inicio de partido, sacou un sete metros a África Sempere, o seu único erro. Despois recortaría Pauli Fernández, pero Valles marco e O Porriño, no último minuto, marrou o ataque, pero o Guardés xa quedou sen tempo nun derbi galego de emoción, de calidade e no que, coa listaxe infinita de detalles, gañou polo mínimo o conxunto con maior profundidade de recursos.

Te puede interesar