Gran Premio Cidade de Vigo

Tarde de letras francesas co Trofeo Cidade de Vigo

As pistas de atletismo de Balaídos acolleron onte o Gran Premio Cidade de Vigo que viviu a vitoria da francesa Alice Finot (na dereita) nos 5.000 metros.
photo_camera As pistas de atletismo de Balaídos acolleron onte o Gran Premio Cidade de Vigo que viviu a vitoria da francesa Alice Finot (na dereita) nos 5.000 metros.
Alice Finot asina 15:35.94 para bater o seu récord persoal e o do Atletismo Feminino Celta en 5.000 metros nunha carreira en solitario e ventosa dentro do Trofeo Cidade de Vigo

O Día das Letras Galegas é unha xornada de literatura, de escrita, de cultura. De recomendacións de libros e de gabar a obra do autor homenaxeado ese ano. Xa pola tarde, no regreso do Gran Premio Cidade de Vigo de atletismo, a francesa Alice Finot usou a súa inmensa capacidade física para tamén escribir, pero mediante pasos á carreira, unhas pequenas liñas na historia do atletismo da cidade e, en particular, do Atletismo Feminino Celta, ó firmar 15:35.94 para establecer a súa marca persoal e a mellor feita por calquera atleta con lincenza da entidade no 5.000 metros.

Un tempo que podería pensarse que foi obtido en boas condicións e con lebres, pero nada máis lonxe da realidade. A céltica, que estará en París en 3.000 obstáculos, asinou o rexistro nunha proba feita en solitario e nunha tarde de vento en Vigo. Sen axuda e con Eolo na súa contra escribiu un novo capítulo para o recordo do atletismo da cidade. 

Máis alá da exhibición da francesa, unha deportista de primeiro nivel mundial, todo parece pequeno. A velocidade tivo un notable nivel, pero con ese vento demasiado forte a favor, que anula a marca. Pablo Tomé (10.59) gañou a Mauro Triana (10.63) nos 100 metros e o vigués Jacobo Soler gañou con 47.71 ó céltico Ricardo Cortizo (48.11) nos 400 metros. Estas marcas son válidas ó ser unha volta completa á pista. 

Himi Lamiyae (Narón), con 2:10.24, gañou nos 800 metros femininos, unha das probas de nivel da xornada xunto co 1.500 metros  masculino nos que acadou a primeira posición David de la Fuente Gómez (Gimnástica, 3:48.73) por diante do portugués Ricardo Pedra. En altura, acadou a vitoria o redondelán Gael Couñago (1.85) e  o Celta tamén sumou varias vitorias parciais como as de José Cobián, en pértega (4.10 metros); Pedro Campos, en lonxitude (4.20); e Marcos Bouza, en lanzamento de martelo (47.24).

Te puede interesar