Touriñán: “Vir a facer teatro ás Rías Baixas é unha festa, gústame ver desfrutar ao público”

Touriñán, perante unha das actuacións no teatro.
photo_camera Touriñán, perante unha das actuacións no teatro.
O humorista Xosé A. Touriñán actuará mañá no teatro García Barbón co seu novo espectáculo

Touriñán (Culleredo, 1980) regresa a Vigo cun novo espectáculo, “Aquí tou”, do que ofrecerá dúas funcións mañá no teatro García Barbón. “É un monólogo cómico onde conto dende que me concibiron os pais, pasando pola nenez ou o momento en que decidín o que quería ser e fíxeno, vivir do conto, que por agora vai saíndo”, afirmou en declaracións a Atlántico.

Canto ten de autobiográfico?

Hai cousas que son verdade, outras que non tanto e hainas que son mentira, pero todo ten que soar a verdade. Fago un percorrido cómico vital.

Chega ata o seu epitafio. O de rir da morte segue a ser moi galego?

Penso que sempre fomos a sociedade cunha mellor relación coa morte. Eramos os mellores en celebrala e en despedirnos dos que marchan. Agora non tanto. Teríamos que volver a elo. Hai que ir ao teatro porque alí conto que me gustaría que se fixera cando eu xa non estea.

É monólogo é moi galego. É bo rirse dun mesmo?

Para min si. É unha premisa, primeiro hai que se rir dun para logo poder facelo dos outros. Pero a nosa é unha cultura que se sabe rir de si, amais, coa retranca, facémolo de distintos xeitos: de forma directa, indirecta ou revirada. Temos un superpoder.

Ofrece dúas funcións, unha ás 20 e outra ás 22:30 horas. Non é algo arriscado?

Unha xa a temos chea, por iso fágoo a segunda, que vai a bo ritmo. Con dúas horas diferentes facilítase ao público a poder acudir ao teatro. E eu, feliz de que se poida facer, máis canso, pero feliz.

Esta temporada actuará nesta cidade a lo menos dúas veces máis.

Intento ir a Vigo sempre. É raro que non esteamos por aí. Sempre lembro que ás dúas veces que me emocionei sobre o escenario foron no García Barbón, na miña primeira actuación e cando representamos “Fariña” coas nais de Érguete na primeira fileira. Os públicos son moi distintos, no interior somos máis recatados. Vir a facer teatro nas Rías Baixas é unha festa, gústame ver desfrutar aos espectadores.

Regresa ao García Barbón en novembro con Pedormo en “Coarentena” e ao Mar de Vigo en febreiro con Leo Harlem, Ana Morgade e Eva Hace en “Mentes Peligrosas”. Como leva o de compartir cartel?

É unha sorte. “Mentes Peligrosas” é un dos monólogos con maior caché en España e teño a fortuna de acompañalos en Galicia. Farei os textos en galego. É un pracer xogar cos mellores, é cos que se aprende. Ninguén se vai a aburrir. Xa representamos en Coruña, é divertidísimo.

Tamén no cinema está de actualidade coa segunda parte de “Cuñados”. Como vai a première?

Está a piques de saír. Deixáronos ver algo, o filme xa está estruturado. Pronto estará nas salas. Foi unha marabilla formar parte dese elenco.

Te puede interesar