Os himnos do celtismo

Portada do disco recopilatorio “O Celta somos nós”, editado en vinilo con cartón de descarga dixital.
photo_camera Portada do disco recopilatorio “O Celta somos nós”, editado en vinilo con cartón de descarga dixital.
Grupos de Vigo e peñas celtistas publican un disco co gallo do centenario do clube celeste

O Celta anunciou o pasado mes de marzo que o artista C. Tangana sería o encargado de compoñer o himno do centenario do clube, “Oliveira dos cen anos”, un tema que deu unha enorme repercusión á entidade celeste. De aquela, púxose en marcha un proxecto para publicar outros himnos do equipo vigués, saídos das rúas, das bancadas de Balaídos, do propio celtismo. O resultado é “O Celta somos nós, un tributo punkrockeiro ao celtismo”, un disco recompilatorio que se pon á venda este sábado 2 de decembro e que recolle cancións de grupos xa existentes, coma Siniestro Total, Keltoi! ou Thee Tumbitas, e outros creados para a ocasión. “Xa dende hai anos tiven a idea de sacar un recopilatorio de tributo, máis que ao Celta, ao celtismo ou aos celtistas. Este ano, co gallo do centenario, púxenme máis as pilas e dixen, hai que tentalo. Entón contactei con peñas e con bandas e a cousa foi para adiante”, explica Wilson Pichardo, seudónimo do principal promotor da grabación.  “Case a metade das cancións xa estaban grabadas, algunhas dende mediados dos anos 90 ou principios dous 2000, e a outra metade están feitas para a ocasión”, engade.

As peñas celtistas Tropas de Breogán, BlauCel e Soulboys Celta colaboraron na edición do disco xunto coas propias bandas. “Queriámolo facer de maneira popular, dende a masa social e sen contar co clube. Tivemos ofrecementos, pero queriamos facelo nós porque as letras das cancións falan do amor polo equipo, de pasalo ben, de vitorias e derrotas, pero tamén hai crítica e non queriamos ter ningún control”, apunta Wilson, que defende que “o Celta non son só os xogadores, os traballadores ou os que van de traxe no palco. O Celta tamén somos os afeccionados e afeccionadas e o propio título, ‘O Celta somos nós’, é unha declaración de intencións".

Os promotores escolleron como portada a foto de 1977 cos xogadores celestes portando a bandeira galega para apoiar o Estatuto de Autonomía. “Nada mellor que unha foto tan icónica, que se fixo nese momento tan puntual. Creo que foi a primeira vez que a bandeira galega saía nun recinto deportivo en Galicia e tiña que ser esa foto”, sinala Wilson, que asegura non ter nada en contra do himno de C. Tangana: “A min sorprendeume gratamente, a verdade. A polémica que houbo sobre se era de fora e non era de aquí a min dáme igual. Se é celtista, é un sentimento e pode ser de aquí ou de onde sexa. O medo que tiña era por onde iría musicalmente a canción. Gustaríame que fose un himno, que se puidese corear e, evidentemente, que estivese feito en galego. E ao final, todas esas cousas se cumpriron. A letra está feita na nosa lingua, respectando as tradicións e a cultura galega. Ademais, polo que me dixeron, o tratou todo con moito respecto, foi paseniño, estivo aquí bastante tempo enchoupándose da música tradicional e, unha vez no campo, está visto que se pode corear. Ten unha letra boa tamén… Paréceme positivo, un bo himno”.

Entre os artistas participantes encóntrase o grupo Thee Tumbitas co tema ‘Ei, Celta, ei’. “É un canto de amor polo noso equipo local e é inclusivo, todos e todas temos cabida na afección. Lembra as situacións límite a que nos  ten acostumado  o Celta e a interpreta unha muller”, explica Linda Lamarr, autora e cantante dunha letra con moita retranca: “A afección, en Primeira ou Segunda División, sempre estaremos con vós, pero coidado non baixedes máis ou furarémolo balón”. 

Te puede interesar