Opinión

XIGANTES E CABEZUDOS

Cos xigantes e cabezudos pasa igual que cos Reis Magos, que cando eres pequerrecho agardas por eles con impaciencia pero en canto se achegan éntrache un arrepío polo corpo que che fai sair en desbandada para telos a bastantes metros de distancia. As páxinas extras de La Región dedicadas ó San Benito amosaban este mércores un par de fotos dos históricos xigantes de Allariz e da media ducia de cabezudos que os acompañan cada ano na procesión do Patrón da Vila, procesión por certo que segue fiel a súa maneira de discorrer polas rúas alaricanas, isto é, sen orde nen concerto, e onde cada quen vai co santo que mellor lle parece. Pois esas fotos recordáronme a primeira vez que me topei con estes máxicos seres que permanecían todo o ano agochados detrás do altar maior da Capela de San Benito, cando alguén tratou de ensinarmos con gran sixilo despois da misa do catecismo; aínda recordo perfectamente o estremecemento que tal feito me producíu ó ver no chan aquelas impoñentes cabezas que me miraban cal boneco diabólico. Anos despois sería eu un dos que levaría algunha daquelas cabezas andantes que corrían detrás dos máis pequenos mentres o xigante e a xiganta bailaban ó son dos gaiteiros subindo a Rúa do Portelo.


Miraba estes días desde o balcón da casa familiar a torre do campanario que preside o Campo da Barreira e lembraba as moitas veces que fixen repicar esas campás cunha dose considerable de vertixe subido á plataforma desde onde podías facer auténticas filigranas interpretativas. Había que subir por unha cega e empedrada escada interior de caracol que che permitía poder contemplar ós teus pés a imaxe de postal do teu pobo, comezando polos dous cipreses, hoxe soamente queda un, que flanqueaban a ermida e que nos servían de postes de portería nos nosos diarios partidos de fútbol xogados no adro, xusto antes de entrar para escoitar o 'Salve salve Benito glorioso', himno que en Allariz interpretaban maiormente os homes apostados en torno ó histórico organillo da tribuna e co que remataba cada tardiña a novena. A partir dese momento xa era á hora de tratar de facer de 'contrapeso' nas barcas voadoras 'Lolita' para viaxar gratis escoitando de fondo os éxitos de Los Mitos, Los Canarios ou Juan y Junior.


As festas de San Benito perderon a sona que tiñan noutros tempos en toda a provincia, non cabe dúbida de que a gran cita festiva alaricana pasou a ser a do 'Boi', que congrega na Vila a milleiros de persoas dispostas a troulear, pero os que somos máis nostálxicos non queremos perder esa referencia que significa atoparnos con persoas que non vemos en todo o ano e coas que recordamos tempos de vermú e concerto de banda de música, tempos de alboradas, asaltos baile e verbenas, e tempos de 'Combate Naval' no río Arnoia, despois de que o Antela, o Maceda ou C. D. Ourense pasasen polo Campo de Vilanova onde a sempre inefable Paquita Rumbao entregaría a copa ó gañador.


Hai moito tempo que deixei de asistir á Festa do Boi, lembro que a última vez que estiven na mesma fíxeno na compaña dos meus amigos Maite e Pedro González, amigo Perico desde a infancia, irmán de José Luis, que fora corresponsal deste xornal durante moitos anos; pero salvo causa de forza maior procuro estar sempre na cita festiva do mes de xullo para ver como seguen bailando os xigantes polas empinadas rúas alaricanas e ver como sobe imponente a imaxe de San Benito ós ombros duns cantos amigos que non cambiarían esa experiencia por todo o ouro do mundo.


Te puede interesar