Opinión

DEMOCRACIA SIEMPRE

Saben da miña teima contra os predicadores mediáticos incendiarios que, aproveitando o momento delicado polo que estamos pasando, son quen de lanzar soflamas día e noite provocando na poboación un estado de opinión, ansiedade e axitación propios de momentos pregolpistas ou prebélicos. Ninguén pon en dúbida que a situación económica e social está moi complicada; moitos opinarán ben enfadados que os governos de turno non o están facendo todo o ben que deberían, o mesmo que non o fixeron seguramente os anteriores; a imaxe que moitas veces ofrecen os representantes políticos desde a súa vida pública, que non a privada, non se corresponde coa que o sufrido pobo agarda de moitos deles; pero sendo todo isto preocupante non o é tanto como ver as perigosas actitudes de persoas e grupos que, en vez de estar dando mostras de mesura e responsabilidade, optan por poñer ó alcance de calquer irresponsable unha caixa de mistos cos que poder prender un lume de consecuencias imprevisibles e mesmo irreparables.


Xa está ben de tanto correo electrónico, tanto twiter e tanta mensaxe con tufo neofacha a diestra e a siniestra, porque o fascismo non entende de ideoloxías; xa está ben de quererse cargar a clase política, a democracia, a representación parlamentaria e mesmo o Congreso dos Deputados ou o Parlamento Autonómico, que tanto lles costou crear a todos aqueles que deixaron a pel e mesmo a vida no empeño. Non serei eu quen contribúa a facerlles o xogo a quenes non ofrecen máis alternativa que poñer o País patas arriba sen ofrecer nada a cambio; non serei quen amplifique eso tan manido de que todos son iguáis, porque non é certo; hai xentes ben decentes, ben competentes e ben desexosas de traballar arreo para buscar unha luz por onde sair deste burato negro; e estas xentes están na dereita, na esquerda e no centro; na patronal e nos sindicatos; nos relixiosos e nos agnósticos; no federalismo, no autonomismo ou no nacionalismo; nas boinas e nos birretes; nos europeistas e nos localistas; nos doutores e nos indocumentados. Pero todos eles cunha idea sacrosanta e común, todo por medio da democracia, todo por medio da palabra, con máis ou menos alporizamento pero sempre coa palabra; todo con debate, urxente pero con debate; pero sobre todo con transixencia, tolerancia e amplitude de miras. É verdade que para moitas familias o tempo está esgotado e urxe tomar medidas decididas e rápidas; é verdade que un voto cada catro anos non dá patente de corso a ningún governo para facer o que lle pete ou deixar de facer o que debería ter feito, é verdade que de cando en vez hai que espertar a quen dorme nos laureis; pero teñamos moito coidado en que nestas lexítimas protestas non se filtren quenes non teñen máis interese que desestabilizar todo e confundir á poboación inventando inimigos que non existen ou buscando cabezas de turco indefensas. O pobo unido pode ser moi sabio pero tamén pode acubillar a quenes queren sacar a flote os seus máis baixos instintos revanchistas e matóns. Miremos cara Grecia e preguntémonos como un País cun elevado número de emigrantes propios é quen de darlle 400.000 votos a organizacións neonazis que tratan a convencer ós cidadáns da máis vella democracia do mundo de que a culpa de todo a teñen os inmigrantes que buscaron unha vida mellor en terras helenas.


Non me gusta nin un pelo ver o Parlamento do meu País rodeado de valos; os totalitarios dun e doutro signo están frotando as mans, non lles sementemos o terreo.


Te puede interesar