Opinión

O bingo da Esteban

Meu Deus, Belén Esteban nos comerciáis televisivos convidando ós españois a perder os poucos cartos que lles quedan xogando ó bingo “on line” coma se dun xogo de nenos se tratara. Non quero nin pensar o que dirá Juan Lamas, o meu ex alumno da Laboral de Ourense e actual Director Terapéutico de “Agaja”, a asociación galega que trata de axudar ós que caeron na perigosa rede da ludopatía. Xa non eran pouco dramáticas aquelas imaxes da ama de casa volvendo da compra ou do obreiro volvendo do traballo atrapados sen remedio polo imán das máquinas “tragaperras” que durante anos tanto axudaron ó mantemento e proliferación dos locáis de hostelería, como para que a “princesa del pueblo” se convertera no gran reclamo propagandístico do xogo a través de internet. Parecía que con esto da crise ía decrecendo o número de persoas enganchadas á chamada compra compulsiva, conseguindo que o mes de setembro xa non fose tan prolífico en anuncios de coleccións imposibles de abanos, dedais, ou soldados das Guerras Púnicas; aínda que aumentando, ben é certo, as que se deixan engaiolar de mañá polos cantos de serea desas outras empresas que prestan cartos instantáneos sen intereses nin letra pequena. É posible que o freo do consumo de obxectos inútiles fixera pechar máis dun negocio, pero eso non significou que a desesperanza non engordara o peto dos que se anuncian de madrugada como solucionadores de todos os problemas, desde un cancro ata un asunto de cornos, pasando polos tremendos problemas laboráis que as persoas relatan nas carísimas chamadas telefónicas trampa. Pois, por se faltaba algo, apareceu polo medio de todos estes gurús do futuro o fenómeno mediático da década en forma de colega chupilerenda que convida ós seus milleiros de seguidores a xogar desaforadamente ó bingo desde a súa casa, desde o anonimato da habitación, da mesa camilla ou do cuarto de baño.

Alguén dirá que todas esas cousas emítense fora do horario infantil, como se soamente houbera que protexer os infantís de curta idade; desgraciadamente hai infantís en todas as franxas evolutivas, soamente é preciso que se cruce polo medio un mal negocio, un mal amor ou un sospeitoso bulto para que a persoa máis cabal se converta de repente no máis indefenso de todos os seres da terra, exposto sen ningún escudo protector a todo canto depredador queira aproveitar a súa baixada de defensas. E aí están, os grandes publicistas e creativos que saben como entrar a matar nesa selva sen lei onde os cachorros abandoados pola manada se reproducen a velocidade de vertixe, e aí aparecen en escea os lobos con pel de año dispostos a levalos entre festas polo carreiro que conduce ó precipicio sen que ningún sinal prohibitivo apareza por ningures. Se che faltan cartos, non hai problema, chama que chos levan á casa á hora do almorzo; se queres saude, tranquilo, resólvecha o rei de ouros; se te deixa a túa parella chama que deseguida che aparece quen che quente os pés no inverno; e agora, se queres diversión sen sair da casa mentres te fas rico, chama a Belén e xoga con ela nese bingo “on line” que de puro inofensivo ben puidera xogar nel ata a mesmiña Andreíta.

E se todo iso non che soluciona os problemas, nin coa axuda da mesma Belén Esteban, consólate escoitando todas as teses de doutoramento que ducias de contertulios radiofónicos e televisivos levan exposto esta semana sobre a tristura dun tal Ronaldo, sen saber que este “pobre” xogador sofre un ataque repentino de fado.

Te puede interesar