Atlántico
A Universidade e o Concello apostan pola herba de plástico
A pesar de ser a cidade máis grande de Galicia e contar cun club de rugby de destacada traxectoria histórica no deporte galego, Vigo conta só cun campo de dimensións homologables para a práctica deste deporte, o das instalación deportivas da Universidade no Campus Universitario Lagoas-Marcosende. Cando preparaba as oposicións e subía a traballar as fines de semana disfrutaba cos partidos do club, daquela na primeira división estatal. Os entrenos na cidade se fan de prestado nun campo menor do reglamentario e mal iluminado nas instalacións da ETEA, ese proxecto que xa estaba en marcha cando eu cheguei a Vigo, e así sigue 30 anos despois, en progreso.
Ao que imos; recentemente souben que o Concello vai pagar unha remodelación do campo para substituír a súa herba natural por céspede de plástico. Preséntase como unha intervención destinada a homologar o campo. Realmente ese campo xa estivo homologado, pero a falta de mantenza fíxolle perder esa condición. Non é preciso, pero si máis barato, substituír a herba natural por sintética. Sería preferible para os deportistas que se replantase o campo coas especies de céspede axeitadas para a homologación e se realizase unha mantenza acorde co nivel deportivo do club. A Universidade conta en plantilla cun excelente servizo de xardinería perfectamente capacitado para esa tarefa.
Se en ecoloxía nos preocupamos polo tema é porque algúns dos compoñentes dos campos de herba artificial presentan hidrocarburos poliaromáticos, bifenilos policlorados, ftalatos, e sustancias perfluoradas con alarmantes propiedades de toxicidade, bioacumulación e persistencia ambiental (Murphy e Warner, 2022). Cando chove, esas sustancias químicas pasan ás augas de escorrentía e contaminan os cursos de auga do entorno. E cando os nosos fillos chegan de facer deporte nolas meten na casa a través desas boliñas negras que traen nos botines. Estudos feitos no noso laboratorio usando técnicas ecotoxicolóxicas internacionalmente recoñecidas asignan a compoñentes do céspede artificial un grado de toxicidade de 3 sobre 4 para copépodos e de 2 sobre 4 para embrións de ourizo e microalgas.
En Galicia non temos problemas de falta de chuvia, se acaso de exceso, e a Universidade de Vigo conta cunhas instalacións nun entorno natural privilexiado e un persoal competente que realizou interesantes intervencións ambientais no Campus. Non parece que optar polo plástico para o seu emblemático campo de rugby sexa unha decisión axeitada, á altura do nivel deportivo da cidade. Semella máis ben unha decisión cutre no económico e irrespetuosa no ambiental. Quizá estamos a tempo para parala.
Ricardo Beiras. Catedrático de ecoloxía na UVigo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar