Manuel Orío
Dos viejos locos
Deixou escrito José Luis Alvite que “os galegos son uns señores moi prudentes e moi reservados que só esaxeran ao calar”. Sei que Alfredo Conde sabe máis polo que cala que polo que conta. E demostrouno unha vez máis ao recibir o premio da Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) que leva o nome de quen, sen estar, permanece por homenaxe ao seu talento no vello Finisterre. Un Oeste onde se intenta matar en vida cando moitos tratan de obviar o obvio, é dicir, o talento de personalidades como a do ourensán xenial, mahiano de adopción e brionés de residencia. Premio Nacional de Literatura, Premio Nadal e tantos outros, autor de ducias de relevantes novelas, contos, guións e de máis de 20.000 artigos. Os xornalistas querémolo, admirámolo e recoñecémolo aos seus oitenta e un espléndidos anos.
María Méndez e a súa corte de redactores, fotógrafos, camarógrafos, editores e membros de faladoiros reunímonos ao pé do santuario de Santa Minia para honrar a un mestre co premio que leva o nome de outro, e crear así un imaxinario condado de Alvite. Alí contemplamos un milagre: como dúas administracións de distinto signo ideolóxico poden convivir nun val de palabras de entendemento representadas polo alcalde de Brión, Pablo Lago, gran anfitrión con Alberto Álvarez Escudero, e José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Escoitamos a Armando Requeixo loar a traxectoria de quen merece ser enxalzado por méritos propios tras navegar a vida con recoñecementos internacionais, nacionais e incluso galegos, pero poucos dos que se din académicos. E é que Galicia é boa Nai e Señora, a mellor, pero ás veces parece criar, como España, malos irmáns, embebidos de apropiacións indebidas dunha bandeira, un himno e un idioma que son de todos, e que conviven en armonía cun idiomas tan fermosos como o español o euskera ou o catalán. A APG non exclúe a ninguén, é plural e xenerosa.
Escribir é un exercicio de paciencia e de respecto polo silencio que precede á primeira letra. Na construción dun texto, cada termo debe atopar o seu lugar exacto, como nunha peza de reloxería que só funciona cando o equilibrio é perfecto. Non se trata unicamente de comunicar, senón de habitar a linguaxe, de permitir que as ideas respiren entre os parágrafos sen a urxencia de quen busca rematar pronto. A palabra, cando é precisa, ten a capacidade de transformar a realidade ou, polo menos, de ofrecer unha perspectiva distinta sobre o que xa coñeemos, e a de falernos libres e plurais, demócratas. Alvite ben o sabía, e Alfredo sabeo, sabios os dous.
Neste oficio, a observación convértese na ferramenta principal. Mirar o cotián con ollos novos permite descubrir a beleza no mínimo: no rastro da chuvia sobre o cristal ou na cadencia dunha conversa allea nunha cafetería, incluso no Tropic de Bertamiráns, onde tertuliamos cada semana Alfredo Conde, Xosé Antonio López, Óscar Porral e, en ocasións, Lois Caeiro ou Armando Requeixo. É aí onde nace a verdadeira crónica, na intersección entre o que sucede e como decidimos narralo, entre o próximo e o global.
A responsabilidade do cronista non é só informar, senón tamén preservar esa sensibilidade que impide que o humano se perda no ruído da inmediatez, do egoísmo ou da endogamia. A literatura e o xornalismo camiñan por sendeiros que se bifurcan e se volven atopar, alimentándose do rigor, como ben di o de Allariz nos seus “A Propósito...”. Ao final queda o testemuño dun tempo e dunha mirada que busca a honestidade. “Todo sería doutro xeito nas nosas malditas vidas se tivésemos dado a tempo cun deses tipos que te din que mentirían se dixesen a verdade”. Díxoo Alvite, e engadiu que “o mundo móveno sempre as persoas con problemas, pois deles saen a poesía e a arte. A luz eléctrica foi un gran invento para a industria, pero o verdadeiro sentido literario alcánzao a luz cando a apaga o poeta”. Quizais pensaba en Alfredo Conde, o aristócrata das palabras que naceu en Allariz un día de apagamento. El ilumínanos mentres outros, que din fixar e dar esplendor, fuxen ás escuras do mérito. Quedémonos coa luz. Parabéns.
Contenido patrocinado
También te puede interesar