O Merdeiro, de figura clandestina a estrela do Entroido vigués

Adriana del Río e Hadrián Román promoveron a publicación sobre O Merdeiro.
photo_camera Adriana del Río e Hadrián Román promoveron a publicación sobre O Merdeiro.
A máscara local afianza a súa recuperación coa publicación de bibliografía que documenta a súa traxectoria

Quedan dúas semanas para o comezo do Entroido e a Asociación Etnográfica A Merdeira bota máis luz sobre a orixe das actuais festas en Vigo. “Despois de dez anos de traballo e investigación, consideramos que existe material suficiente para deixar plasmado nunha publicación actualizada toda a riqueza da cultural inmaterial, contribuíndo ao fin da nosa asociación de difundir, protexer, promocionar e asentar as bases da recuperación da figura do Merdeiro”, explica Hadrián Román, que xunto a Adriana del Río, promoveron este traballo que rematou coa publicación do libro “O Merdeiro, un personaxe de ribeira”.

A vixencia da máscara viguesa durante o franquismo é a principal novidade que aporta o estudo. “Ata agora se pensaba que o Merdeiro desaparecera coa Guerra Civil, pero logramos informantes que desvelaron a súa adaptación ata  chegar a unha situación de clandestinidade”. Así, Román recolleu testemuños que aseguraron que o Merdeiro seguía saíndo nos anos 40  e 50 polo Casco Vello, “ía sen máscara, coa cara pintada de negro, percorrendo as tabernas, sen chamar moito a atención”.  Segundo as declaracións dos veciños consultados pola asociación, no tardofranquismo, a figura quedou reducida ao ámbito doméstico. “Localizamos unha familia na que o avó se disfrazaba tódolos anos de merdeiro no Entroido para asustar aos netos e outra de Teis onde existía o costume de vestir aos máis novos co traxe e a máscara só para facerlles unha foto polas festas cunha indumentaria que tiña  cen anos”.

A ampliación do territorio do Merdeiro é outra das novidades que aporta a investigación. Se nun primeiro momento a máscara viguesa localizábase no Berbés, agora se constatou que é un personaxe de ribeira. “Estaba onde había un choque  do universo do mar e os escavicheiros, atopamos referencias en Coruxo, en Bouzas e en Teis”. Os mariñeiros parodiaban así aos labregos.

Os 70 chegou o momento de decadencia, desaparecendo da esfera pública e privada, aínda que para Román mantíñase a súa esencia. “Nos 90 as rapazada de Vigo celebrábamos o Entroido coa cara cun mono e unha máscara, ese era o espírito do Merdeiro que permaneceu ata 2006 en que se recuperou a súa figura trala primeira aproximación feita por Xerardo Santomé”.

Os Merdeiros saen a patrullar as rúas viguesas no Entroido.
Os Merdeiros saen a patrullar as rúas viguesas no Entroido.

Xunto aos dez testemuños directos recollidos pola Asociación Etnográfica, complétanse as fontes orais coa documentación gráfica acadada no Arquivo Pacheco que ilustra as celebracións históricas. Baseándose en arquivos xornalísticos documenta dous tipos de celebración. Unha era popular, protagonizada polo Merdeiro con accións nas rúas como o lanzamento de pan duro dende os balcóns ou corredoiras arrastrando animais mortos. Frente a este había outro entroido burgués, con máscaras de salón e desfiles de disfraces, organizados primeiro por Gimnasio de Vigo e Sociedad Canavalesca e despois pola Oliva. “Eran dous xeitos de entender a festa que chegaron a enfrontarse”. Así, Román reproduce os feitos acontecidos en 1903 e recollidos nas súas crónicas por Manuel Bragado. “Un mascarado, que podía ou non ser o Merdeiro, adicouse a interromper o desfile de comparsas en Porta do Sol, os gardas desenvainaron os sables e atacaron aos veciños, rodeáronos e un sacou unha pistola, acabou con feridos e catro mortos, entre eles un neno”.

Case 20 anos despois da recuperación do Merdeiro, a figura do Entroido vigués goza de boa saúde. Cada ano dende a Asociación Etnográfica A Merdeira organizan obradoiro con miúdos para lles transmitir a tradición. Este libro é un apoio máis na súa difusión. Cunha primeira tirada de 215 exemplares, subvencionados pola Deputación, a meirande parte repartiuse por asociacións, colexios e institucións.

Queda pendente a investigación dos Maruxos, as figuras típicas do entroido das parroquias viguesas do interior. Non tiñan máscara e a indumantaria era roupa vella, falta saber se era un personaxe propio ou costume anárquico.

Te puede interesar