As rúas de pedra de Chandebrito

Unha das rúas do núcleo histórico de Chandebrito, no concello de Nigrán.
photo_camera Unha das rúas do núcleo histórico de Chandebrito, no concello de Nigrán.

A parroquia de Chandebrito, en Nigrán, foi “redescuberta” tra-la vaga de lumes de 2017, converténdose nun espazo etnográfico vivo. Agora vai rematar o empedrado do seu núcleo histórico

O Concello de Nigrán completará neste ano o empedrado do núcleo histórico de Chandebrito iniciado no ano 2019 co fin de por en valor toda esta contorna de especial interese etnográfico. O proxecto, cun orzamento de 135.833 euros a cargo do Plan Concellos 2023 da Deputación, sairá a licitación nos vindeiros días e comprenderá o adoquinado que restaba da rúa Igrexa, os Camiños das Pedreiras e Buenos Aires e a mellora dos camiños das Eiras e Soeiro. En todos os casos se dotará de saneamento e, no caso de Igrexa, tamén se mellorará o sistema de drenaxe.

“A actuación forma parte do plan integral do Concello para recuperar e por en valor toda a contorna do Castro que estamos a musealizar. Significa un paso máis na posta en valor dos elementos patrimoniais e etnográficos deste núcleo de aldea tradicional único no municipio, repercutindo nunha gran mellora paisaxística, como se puido comprobar xa no 2019 co primeiro adoquinado”, explica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, no Camiño das Pedreiras e Buenos Aires, e no que resta de Igrexa, o Concello de Nigrán substituirá o aglomerado asfáltico ou formigón xa moi deteriorado por adoquíns de granito de 20x10x10, ademais de reconstruír un muro tradicional con risco de colapso nas Pedreiras e mellorar o sistema de drenaxe de Igrexa. Pola súa banda, extenderase tamén o saneamento aos camiños de Eiras e Soeiro, onde se adecuará a superficie existente actualmente. “Chandebrito é un lugar que foi re-descuberto pola cidadanía tras a vaga de lumes de 2017 grazas ao traballo conxunto do Concello, comunidade de Montes e de Veciños. Cada fin de semana recibe centos de visitantes que suben ata o Castro e que se quedan impresionados por este núcleo poboaciónal tradicional que, con estas medidas, contribuímos a por en valor”, finaliza González.

Te puede interesar