Rueda avanza un orzamento “histórico” de 13.257 millóns

Alfonso Rueda, presidente da Xunta, onte con Miguel Corgos, conselleiro de Facenda.
photo_camera Alfonso Rueda, presidente da Xunta, onte con Miguel Corgos, conselleiro de Facenda.
As contas aumentan un 5% e non se recorre a endebedamento por vez primeira en 16 anos

A Xunta aprobou o proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para 2024 que ascende a 13.257 millóns de euros -un 5 % máis que este ano e a mesma cifra na que fixou o teito de gasto- que incluirán máis de 5.000 millóns de euros para a sanidade pública “por primeira vez na historia” e sen “recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos”, segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia de prensa tras o Consello da Xunta.

“Son unhas contas prudentes e realistas”, dixo Rueda, e subliñou que “Galicia é unha das primeiras comunidades en aprobar os seus orzamentos para 2024 e, un ano máis, facémolo en tempo e forma. O Goberno galego segue a súa folla de ruta de estabilidade, por iso aprobou uns orzamentos que medran un 5% e que teñen como prioridade o crecemento estable, a creaciónde emprego, o reforzo dos servizos públicos, o apoio a familias e empresas e o impulso decidido de proxectos transformadores”.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que acompañou a Rueda na comparecencia diante dos medios, reiterou que se trata dunhas contas “prudentes e realistas”, a pesar de que faltan os datos que debería facilitar o Goberno sobre entregas do sistema de financiamento e obxectivos de déficit, e lembrou a previsión macroeconómica para o ano que vén: un incremento do PIB do 1,9 % e unha taxa de paro do 9,4 %.

Nestes orzamentos, que mañá serán entregados ao Parlamento para iniciar a súa tramitación, a Xunta deixou a porta aberta a utilizar a marxe de déficit que estableza o Goberno central.

Gasto social récord

Tal e como destacou Rueda as contas de 2024 reforzan o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) e o gasto para o fomento do emprego. Así, inclúen o maior gasto social da historia que ascende a 9.774 millóns de euros (1.234 millóns máis que hai tres anos) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego. “Por vez primeira destinaranse máis de 5.000 millóns de euros á sanidade pública”, informou o presidente. Pola súa banda, Corgos engadiu que “tanto o ensino coma as políticas sociais terán máis recursos que nunca” con 2.858 millóns ao ensino público, 1.303 a políticas sociais. E hai que engadir 448 millóns para o emprego”.

Política fiscal

Os orzamentos do ano que vén consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento, sinala a Xunta, que leva aprobadas catro rebaixas do tramo autonómico do IRPF desde o ano 2014. Galicia xa é a comunidade con mellor tratamento fiscal no Imposto de Sucesións, pois o 99,9% das herdanzas de un familiar directo non tributan. En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), o vindeiro ano rebáixase un punto o tipo xeral para a compra de inmobles usados (pasa do 9% ao 8%). Como novidade, na declaración do IRPF do ano 2024 as familias con dous fillos xa poderán deducir 250 euros, dedución que até agora tiñan as familias numerosas e que se duplicará. 

No apartado de investimento produtivo disporá 2.838 millóns de euros, un 2,4% máis que no 2023. Se se ten en conta o esforzo investidor acumulado nesta lexislatura, nos últimos catro anos a cifra supera os 10.500 millóns de euros, advertíu a Xunta. Segundo o conselleiro, mantéñense “altas cotas de investimento” a pesar de que a comunidade non disporá dos recursos extraordinarios para a recuperación tras a pandemia da covid que houbo os últimos anos.

En cando aos gastos correntes, o capítulo un, de gastos de persoal, increméntase nun 6% até os 4.867 millóns de euros, polas subidas de salario para todos os empregados públicos e por “un esforzo adicional en novos recursos humanos, en especial no ámbito da sanidade pública”, explicou Corgos.

Os gastos financeiros increméntanse un 70,4 %, até os 188 millóns de euros, polo aumento dos tipos de interese, aínda que Corgos indicou que nesta lexislatura Galicia aforrará no pago de intereses uns 500 millóns de euros.

Te puede interesar