Pontón acusa a Rueda de facer "electoralismo"

O socialista Luís Álvarez criticou o “carácter rutineiro” dos orzamentos

Axencias

Publicado: 19 oct 2023 - 01:55 Actualizado: 19 oct 2023 - 13:16

Ana Pontón, onte no Parlamento.
Ana Pontón, onte no Parlamento.

“O plan do señor Rueda era cabalgar sobre o novo inquilino da Moncloa, pero como non puido ser, leva semanas de promoción persoal como candidato, usando o seu cargo e utilizando os orzamentos como peza clave desa estratexia electoral”, denunciou Ana Pontón, a líder do BNG, na sesión do Parlamento de Galicia que aprobou onte, cos votos a favor unicamente do PPdeG, o teito de gasto da Xunta para 2024 como paso previo á tramitación do proxecto de orzamentos.

Ana Pontón mostrouse convencida de que con estes orzamentos non se vai a frear o peche de industrias, nin acabar coas listas de espera, nin mellorar o sistema de atención a maiores, nin impulsar a ciencia, nin loitar contra o cambio climático, nin evitar a emigración de mozas. E recriminou que “este Goberno leva meses convertido nun apéndice da estratexia do PP de Madrid”.

“Este teito de gasto é o mellor retrato dun Goberno esgotado, sen ambición e sen proxecto de futuro, dun Goberno que está nas últimas, sen nada que ofrecer nin ás familias, nin ás empresas”, opinou a portavoz nacionalista.

Na súa quenda de palabra, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, sinalou que o Goberno galego apurou os tempos pero “non podía esperar máis” polos datos de financiamento do Executivo central. E pediu que todos os grupos apoien este paso “para poder aprobar de forma inmediata o proxecto de orzamentos e poder seguir atendendo as necesidades de todos os galegos”. Mais o BNG e o PSdeG votaron en contra.

Luis Álvarez, o portavoz socialista.
Luis Álvarez, o portavoz socialista.

A voltas co financiamento

O portavoz socialista Luís Álvarez criticou o “carácter rutineiro” que ao seu xuízo dá a Xunta a este trámite. “Se queren crer que son os mellores, alá vostedes”, soltou aos populares. Álvarez censurou as baixadas de impostos e asegurou que é “cínico” que de forma paralela reclamen máis fondos ao Estado. Con isto reprobou “ir a unha negociación sobre un novo modelo de financiamento asegurando que se vai tan sobrado que se lles poden perdoar os impostos aos máis ricos”.

Para Álvarez, existe unha “enorme e evidente incongruencia entre un discurso hipercrítico co Goberno de Sánchez e as cifras presentadas”, pois dispón de recursos extraordinarios que “proceden do comportamento positivo económico e fiscal da economía española”. E concluíu: “Temos ante nós unha situación extraordinaria pero temos recursos extraordinarios”, polo que animou á Xunta a que os “aproveiten”.

Desde o PPdeG, o seu voceiro, Alberto Pazos Couñago, advertiu á líder do Bloque que “se lle acaba o tempo e empeza a notarse demasiado” e lembrou que “Galicia non contou con máis estimacións que as que lle proporciona a súa propia experiencia orzamentaria”.

Cumprindo con Galicia

Pazos Couñago sinalou que o Goberno popular cumpre con Galicia “15 anos consecutivos” e subliñou que a comunidade “contará co teito de gasto máis alto da súa historia” o ano que vén. Augurou tamén que “nin esta nin ningunha outra cantidade chegaría para que BNG e PSdeG renuncien a regalar a súa habitual ración de demagoxia”. Deste xeito atribuíu á oposición “15 anos de negros vaticinios dramaticamente errados, un após outro”. “Vostedes carecen por completo de credibilidade”, espetoulles, antes de indicar que sofren “unha alarmante incapacidade para recoñecer os erros e exercer a máis mínima autocrítica”.

Por último, o popular rexeitou a “ameaza” do PSOE galego ao entender que Álvarez dixo que “ollo con baixar impostos que vos poden quitar financiamento”. “Esta é a contribución do PSdeG ao autogoberno de Galicia, deberían pedir escusas ao terminar o pleno. Lamentable”, resolveu o portavoz do Grupo Popular.

Contenido patrocinado

stats