'Xosé Francisco Pedras Saavedra Director do CIS-Madeira'

‘Podemos ser un referente europeo en madeira’

‘ Xosé Francisco Pedras Saavedra Director do CIS-Madeira
O sector da madeira é estratéxico en Galicia onde está arraigado na estructura productiva. Para mellorar a súa eficacia e competitividade nos grandes mercados creouse o CIS-Madeira, Centro de Innovación e Servizos da Madeira, dirixido por Xosé Fernando Pedras, que exerce como secretaría técnica da Plataforma Tecnolóxica da Madeira.
'O sector da madeira poder ser o responsable da entrada, permanencia e fixación de poboación no rural, na maioría dos pobos hai unha industria de transformación da madeira ben sea un aserradeiro ou unha carpintería, eses concellos teñen no sector da madeira un bo apoio para poder fixar a poboación.'
Francisco Pedras leva 20 anos traballando no sector da madeira. Primeiro na Universidade de Lugo onde estudiou e despois no CIS-Madeira, Centro de Innovación e Servizos da Madeira, onde traballou como técnico anos atrás e que agora dirixe coa determinación de convertilo no socio tecnolóxico co que conten as empresas de Galicia á hora de incorporar innovación dentro dos seus procesos produtivos. Ao tempo, trata de colocar ao CIS-Madeira nunha situación de referencia a nivel nacional sen descoidar a necesidade de presentarlo como un socio atractivo para Europa.

—¿Cal é a función principal do CIS-Madeira?
—Como centro tecnolóxico a súa función é ser soporte para o sector da madeira. Os proxectos que ten o centro son a través do I + D e das asistencias técnicas que se realizan no eido do sector da madeira, da transformación e da posta en valor dese material que temos no monte. Trátase de proporcionar un aporte tecnolóxico e sustento para que as empresas do sector melloren a súa competitividade e o valor engadido dos seus productos facendo innovación.

—Na práctica, ¿cómo se traducen estas intencións?
—Con proxectos de I +D sectoriais que abranguen todos os sectores e que traten de solventar as eivas que presenten nalgún momento, ou ben, con proxectos máis individuais que resolvan necesidades puntuais para acadar maior calidade do producto, ou ben no caso dun novo producto que queren sacar ó mercado e que necesita realizar os testes aquí no laboratorio. Incluso o apoio para que haxa unha divulgación e promoción dos productos e transferirlle coñecementos á empresa.

—O CIS-Madeira fundouse no 1996, ¿cal era a situación previa a que se crease este organismo?
—O CIS-Madeira creouse por unha demanda do propio sector que reúne máis de 3.000 empresas e máis de 10.000 persoas traballan neste sector que é estratéxico e tradicional ó mesmo tempo. O sector demandaba nese momento un centro tecnolóxico, unha institución que axudase a que as empresas tivesen un lugar onde poder desenvolver a súas investigacións, os seus avances tecnolóxicos, onde poder testar eses novos productos, onde dalgunha forma puideran sacar maior partido e maior valor engadido ó que eles estaban a fabricar e transformar.


—¿Cales considera que son os puntos fracos do sector?
—A atomización do sector é un deles, porque exceptuando algún subsector está formado por empresas que nun 80 ou 90% son pequenas ou medianas o que pode significar unha eiva á hora de afrontar con éxito a inversión ou a innovación. As empresas recoñecen que a innovación é unha das claves para ser máis competitivos, para poder encarar o mercado con produtos de maior calidade, con prezos máis axustados e con valor engadido e esta plataforma intenta ser unha palanca para que as empresas poidan acadar, vía cooperación e participación en proxectos conxuntos, o que doutra forma lles sería moi complicado pola súa facturación ou polo seu volume de negocio, de persoal ou pola súa estrutura interna. Entonces esta é a idea de cooperación subsectorial da plataforma, có obxectivo de que a unión destas pequenas empresas arropada polos coñecementos das universidades e polas capacidades tecnolóxicas dos centros poidan ter cabida e entidade para solventar os seus problemas mediante a presentación de proxectos cooperativos dentro das fiestras de oportunidade que hay tanto a nivel nacional como europeo.

—¿Qué vantaxes considera que ten este sector respecto doutros?
—Está anclado dentro da nosa estrutura produtiva, que ven de demostrar que pode ser referente a nivel nacional e tamén europeo, e que é un sector que creemos que é estratéxico á hora de concibir o entramado produtivo porque incide directamente nas materias primas e no tecido primario, no senso, que se dedica a aproveitar toda a nosa producción e estructura forestal. Iso dalgunha forma concentra a influencia, non soamente, no propio sector, nos seus postos de traballo, facturación, e no seu dinamismo senón que tamén é expandible cara o sector primario e pode ser nalgún caso un sector de entrada e de permanencia e fixación de poboación no rural. Ademais a nivel de innovación é un sector que ten moitísimas posibilidades, aínda que sexa tradicional se desenvolven proxectos con importancia a nivel europeo que destacan pola súa incidencia en novos productos e novas tecnoloxías. Ademais somos referentes en madeira industrializada é nos sectores de segunda transformación, en mobiliario de cociña.

—CIS-Madeira é a secretaría técnica da Plataforma Tecnolóxica Galega da Madeira na que están presentes tamén organismos como Medio Rural e a Consellería de Vivenda e Solo, ¿qué finalidade ten esta plataforma?
—A plataforma, que se creou o ano pasado, está formada por diferentes asociacións e acolle a máis de 700 empresas do sector da madeira. É unha das nove plataformas promovidas polo Ministerio de Industria có obxectivo de aglutinar a triple hélice da investigación e da innovación que son as empresas, a Administración e as universidades para poñer enriba da mesa as problemáticas que afecten a tódalas empresas para acadar a entidade suficiente tanto empresarial como de coñecemento para dar solución ós problemas mediante a preparación de proxectos de investigación e innovación que permitan dar ó sector un salto cualitativo coa idea de prepararse para o futuro. Fixemos un Plan de Innovación do sector da Madeira coa colaboración da Universidade de Vigo no que se recollían as grandes deficiencias e os grandes retos e oportunidades de expansión deste sector. Sobre ese documento se crearon liñas estratéxicas e de traballo que agora se están materializando a través desa plataforma tecnolóxica que definiu unha axenda estratéxica que concretamos en grupos de traballo, o obxectivo é darlle máis empuxe nun salto cualitativo.

Te puede interesar