O Porriño pasa a semifinais de Liga tras empatar co Guardés (29-29)
Balonmán
O Conservas Orbe Rubensa superou ó Mecalia Guardés en cuartos de final de División de Honra tras empatar onte
Un derbi é rivalidade, historias, circunstancias e detalles. Moitos, diferentes, para todos os gustos. Poñer a lupa en calquera zona do campo do enfrontamento xogado onte polo Conservas Orbe Rubensa Porriño e o Guardés e atopar algo que contar, un aspecto chave, un punto relevante. Aínda que, por insospeitados, por pouco previstos, foron diferenciais os elementos difíciles de prognosticar. Todas son cuestións meirandes, pero a fundamental é que o partido rematou con empate a 29 goles e, coa vitoria de hai sete días na Guarda do Porriño por 29-30, o clasificado para os cuartos de finais foi o equipo louriñés. Asegura a súa mellor clasificación histórica en División de Honra e, salvo unha carambola difícil, estar en competición europea. Aínda que onte o celebrado foi a vitoria sobre o rival nun partido épico, entretido e, por momentos, estresante.
Un encontro que debe comezar a explicarse polo final, polo empate do Porriño xa dentro do último minuto de partido. Nun día de moito atasco, o equipo louriñés atacou longo para rematar polo extremo de Thais Fermo. Por alí chegou Cecilia Cacheda para a defensa e, segundo indicaron os árbitros, en falta. Tocou á saltadora o que acarreou a exclusión e o sete metros correspondente. Meteuno Malena Valles para facer o empate que sería definitivo porque sen a directora, sen a de la Lalín, o Guardés atacou tras tempo morto pero non atopou o camiño correcto. O primeiro tiro parouno Ana Palomino e María Sancha cometeu falta en ataque no segundo intento. O gol era igualar a eliminatoria e forzar unha prórroga de desempate. Non chegou e o Porriño pasou de rolda coa igualada nun enfrontamento no que sempre estivo por detrás no electrónico e acadou o primeiro empate a falta de oito minutos para o final (27-27). O resultado final foi de 29-29 e precisamente ese derradeiro treito de máis defensa que ataque foi unha característica pouco habitual porque o número de goles resultou alto, pero é que un mesmo encontro tivo moitos capítulos para contar.
Os primeiros tiveron que ver cun comezo de partido no que mandou o Mecalia Guardés dende a defensa. Dura, profunda e agresiva, especialmente sobre o lateral de Paulina Buforn. Maniatar á ibicenca era chave, con papel estelar nesta faceta de Elena Amores. E a receita serviu durante moitos e moitos minutos porque o ataque posicional do Porriño apenas atopaba lanzamentos e os poucos que chegaban eran repelidos por unha Miriam Sempere que andaba por unha eficacia superior ó 50%. No outro lado da pista tamén aportaba Ana Belén Palomino, pero ter un ritmo tan alto era complicado, moi complicado. Así, pouco a pouco, o Guardés abriu a renda que, pasado o ecuador do acto inicial, chegou ós catro goles (7-11). Naquel momento, Isma Martínez xa había feito toda a rotación posible na primeira liña e, incluso, pasou por momentos a Paulina Buforn para o extremo. Aínda que o camiño do que estaba por vir esbozouno cando deixou en varios ataques a Aitana Santomé. Con todo, o mando era visitante por 12-16 e, no intermedio, todo apuntaba a prórroga de desempate. Pero apuntar non é ser.
Quedaba media hora por xogar. Noutro partido, noutro contexto, con outros rivais, o encontro tería menos historia pero non nun derbi galego. Nun enfrontamento así sempre hai un xiro máis, un engadido a maiores. Non parecía albiscarse troco de papeis nos primeiros dez minutos do segundo acto, nos que o Guardés continuou co partido na súa man. Estirou a renda ata os seis coa segunda exclusión de Carmen Prelchi. Un 15-21, que chegou a ser 19-24. Foi o momento do troco do enfrontamento. O apuntado nalgúns momentos no primeiro acto foi agora solución radical para o Porriño.
Aitana Santomé quedou na pista en cada ataque e Alicia Campo fíxose forte no pivote. A sexta opción na primeira liña do ataque porriñés é, sen dúbida, unha xogadora que cambia o estilo. De ataques longos, de combinacións, de elaboracións, o Porriño pasou a xogar ó galope, ó ritmo alto, ós dous e tres pases para atopar o un a un e o lanzamento. E, así, na opción menos esperada, fixo moito dano, coa morracense e coa colaboración da porriñesa Alicia Campo. A pivote realizou o seu mellor partido da temporada, probablemente o mellor da súa vida en División de Honra. Anotou tres goles en menos dun cuarto de hora e provocou a segunda exclusión de María Palomo. Quedaba ó borde da eliminación porque, de chegar unha máis, sería perder a unha xogadora básica para a prórroga.
Tras uns minutos de Fátima Ayelén, regresou Palomino á portería local e Sempere tamén volveu pero xa non tiña a inspiración do primeiro tempo. Todo isto foron factores chave no troco do partido. Remontou o Porriño ata o empate e Cecilia Cacheda, que co marcador a favor tivo uns minutos de respiro, regresou para elevar o nivel ofensivo do Guardés. Así nos últimos dez minutos, as do Baixo Miño ían tomando rendas dun gol, perderon a opción de dous e o Porriño empatou sempre. Polo camiño, as claras exclusións de Radovic e Júlia Nuez --ambas estiveron unha decena de segundos na pista-. Tamén parou Palomino un par de balóns claros. Detalles chave nunha eliminatoria con dous partidos e clasificación do Porriño por un gol. 29-29 onte e 29-30 hai unha semana. Das bágoas de ledicia porriñesa ás de tristura miñota hai nada, un gol en 120 minutos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
voleibol
Dificultades lejos de Coia
baloncesto/liga challenge
El Celta descarta a Thomas y busca una alero física
Remo Cesantes
Cos folgos do compañeiro