Manuel Bragado: “Xela era unha poeta cubista, sacáballe arestas ás palabras”

Manuel Bragado foi director de Xerais entre 1994 e 2018.
photo_camera Manuel Bragado foi director de Xerais entre 1994 e 2018.

Manuel Bragado, antigo director de Xerais, lembra as súas vivenzas coa homenaxeada, á que lle editou o poemario “Darío a Diario”, unha obra pioneira na literatura galega polos seus temas

Manuel Bragado, que dirixiu a editorial Xerais entre 1994 e 2018, foi o editor de “Darío a Diario”, o poemario de Xela Arias no que a autora afonda, por primeira vez na tradición poética galega, na maternidade. A súa relación remóntase a 1996, cando Bragado comeza como coordinador da Revista Galega de Educación. “Sabía quen era Xela e admirábaa dende que publicou ‘Denuncia do equilibrio’, que daquela me impactara moito. Tamén a coñecía dalgunhas publicacións que eela facía en diarios e na revista Tintimán. Iso como lector, non coa proximidade que chegou despois”, relata.

Bragado incorporouse definitivamente á editorial en outubro de 1990. Un mes antes, Xela deixara Xerais, aínda que seguiría vencellada uns anos máis como colaboradora externa e tradutora. “Pasei a desempeñar o seu traballo, as súas funcións de editor de mesa das coleccións literarias e dos libros universitarios como xefe de edición. Tiven a fortuna de herdar a súa mesa, as súas follas de corrección tipográfica, os criterios de edición que utilizaba e incluso a súa axenda de autores e autoras, que daquela se gardaban nunhas caixiñas de fichas”.

De Xela Arias, recoñece, aprendeu moito. “Ela foi a primeira editora de mesa como tal que profesionalmente houbo en Galicia. Tivo o gran mérito de que, malia que empezou como oficinista, pasou axiña, en canto se incorporou como director editorial Luis Mariño, a ocuparse da revisión dos textos e a corrección dos ‘ferros’, como nós chamamos ás últimas probas que veñen da imprenta”. 

Este traballo de editora e tradutora, na súa opinión, reflectiuse logo na súa obra. “Ela aprendeu a traballar coas palabras, a retorcelas, a levalas ata as últimas consecuencias e aproveitouno para a súa poesía. Considero que foi unha poeta cubista, que lle sacou arestas ás palabras, fuxindo dos neoloxismos grazas ao seu coñecemento léxico e ortográfico que tiña polo seu traballo de edición”.

O seu contacto profesional prolongouse ata o ano 1996, no que Xela publica “Darío a Diario”, poemario dedicado ao seu fillo Darío Gil. “Ese libro foi moi importante para Xela porque supuxo dalgunha forma unha ruptura con respecto dos anteriores. Foi froito dunha experiencia vital para ela como a maternidade, cando naceu Darío en novembro de 1994”, lembra Bragado. “Probablemente é un libro que foi pioneiro no seu tempo. É o primeiro cunha visión da maternidade e unha reflexión dende o ámbito poético absolutamente innovador, netamente feminista e anticipatorio do que hoxe consideramos como un lugar común, como principio dunha educación en liberdade e respectuosa. É o seu libro máis luminoso, o que lle abriu as portas a un público máis amplo e que probablemente é un dos máis populares deste ano dedicado a ela”, subliña.

A Xela artenauta

“Ela foi unha artenauta, un membro da Fundición Nautilus do artista Xosé Guillermo, tan amigo dela”, engade, en relación ao colectivo deste pintor vigués falecido en 2009.

Para Bragado, estas Letras Galegas responden a unha festa da poesía na que os textos se expanden na música, no audiovisual, na escena, nas artes plásticas e fotográficas. “Creo que ese era o espírito de Xela, que prefería recitar antes os seus poemas que velos publicados en libro; que prefería que os seus textos dialogasen no mundo da ilustración, como os seus poemas ilustrados por Xosé Guillermo ou os irmáns Tizón, coas fotografías de Xulio Gil, coas músicas de Antonio Pulido Cid e Fernando Abreu no seu último libro ”Intempériome" ou co grupo Desertores. Ese era o espírito de Xela que está tamén presente neste ano. Eu identifico que hai mostras dese carácter estendido, non sei se estritamente textual ou poético".

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas