Anxo Xoán Rajó: "A rebeldía de Xela era controlada, sempre soubo que quería facer"

ANXO XOÁN RAJÓ
photo_camera ANXO XOÁN RAJÓ

Anxo Xoán Rajó (Vigo, 1973) é mestre de Lingua Galega e Literatura no IES República Oriental de Uruguai e foi compañeiro de clase de Xela Arias na Facultade de Filoloxía da UVigo. Autor de diversas biografías como a de Otero Pedrayo, escribiu para a ocasión “Xela Arias. Poeta e tradutora”.


Como xurdiu a idea de facer unha biografía de Xela?

Cando saíu o seu nome como homenaxeada polo Día das Letras Galegas, a editorial falou comigo porque sabían que fora á facultade con ela e propuxéronme escribila. Foi moi distinto a escribir sobre escritores aos que non coñecín.

Debe ser especial realizar unha biografía dunha persoa coa que compartiu lembranzas na facultade.

Moi especial. Porque logo tamén se xuntan as emocións dos recordos da universidade. Gardo un recordo fantástico daquel grupo. Non pertencía ao seu círculo íntimo pero tiñamos todos moi boa relación. Xúntanse o coñecemento de Xela e a emoción daqueles anos marabillosos da universidade e para min foron todos recordos especiais. Volvín 30 anos atrás con este proceso. 

Que cousas descubriu sobre Xela no proceso de escribir este libro?

Na facultade descoñeciamos todo dela. Era unha muller moi discreta e alí ninguén sabía nada dela, nin sequera o seu círculo máis íntimo. Foi a través do comentario dun profesor que descubrimos quen era. Escribindo este libro descubrín sobre todo unha Xela moi discreta pero á vez moi rebelde. Como eu digo, tiña unha rebeldía controlada. Ela sabía ben o que quería facer. Abandonou os estudos cando quixo facelo e retomounos tamén cando quixo. A súa rebeldía non era anárquica, quería rebelarse contra o poder e contra a opresión que sufren as mulleres. Gustoume descubrir a unha autora feminista, que hoxe en día está en boga pero daquela era moito máis difícil atopar.

O oficio de tradutor adoita pasar desapercibido. Cre que a figura de Xela axudou a poñer luz sobre el?

Moitísimo, porque foi unha precursora. Influída ou non polo seu pai, ata que chegou ela apenas había libros traducidos en galego dende a época do Grupo Nós. Realmente, ata que chegou Xela non se profesionalizou.

Xela é a quinta muller homenaxeada polo Día das Letras Galegas. Cre que as mulleres están infrarrepresentadas nesta festividade?

Lamentablemente, non. Ata ese momento non había moitas mulleres que destacaran, pero isto está mudando cos tempos. A muller estaba subxugada a estar na casa e non foi ata os anos 60 ou 70 que saíron moitas autoras que serán homenaxeadas o día de mañá. Ese cambio de ciclo aínda non se deu. E por iso a homenaxe de Xela cobra tanta importancia.

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas