2.000 persoas manifestáronse en Santiago a prol do galego

A praza do Obradoiro encheuse de persoas durante o Día das Letras Galegas ante a convocatoria de Queremos Galego.
photo_camera A praza do Obradoiro encheuse de persoas durante o Día das Letras Galegas ante a convocatoria de Queremos Galego.

Durante a movilización convocada pola plataforma Queremos Galego con motivo do Día das Letras Galegas pediuse a "normalización" e o "recoñecemento pleno" do idioma

 A Praza do Obradoiro de Santiago encheuse no Día das Letras Galegas durante o transcurso dun acto convocado pola plataforma Queremos Galego para reivindicar "normalización" e "recoñecemento pleno" do idioma propio e para protestar contra as políticas lingüísticas da Xunta ao que acudiero preto de 2.000 persoas. Múltiples colectivos sociais, sindicais e políticos, entre eles os dous partidos da oposición –BNG e PSdeG–, secundaron esta protesta celebrada no centro neurálxico do centro histórico compostelán, onde soaron con forza as xa habituais consignas: "En Galicia, en galego!".

Esta mobilización, xa inherente ao 17 de maio –o ano pasado non se celebrou pola pandemia–, configurouse como a cara oposta aos actos institucionais do Día das Letras Galegas organizados pola Real Academia Galega (RAG) e coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que este ano se centralizaron en Vigo por ser a cidade onde desenvolveu gran parte da súa vida Xela Arias, poeta á que se dedicou a festividade neste 2021.

Con carácter previo á protesta, o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, compareceu ante os medios para explicar a necesidade de "tomar conciencia" sobre a situación do idioma e que isto "se torne en práctica reparadora" co seu "recoñecemento pleno e íntegro".

"Iso é o que aínda non fai o Goberno autonómico. Levamos 40 anos de autonomía que aínda non serviron para repoñer, rehabilitar e normalizar completamente a lingua galega", denunciou. Tras lembrar as reiteradas consideracións do Consello de Europa e Nacións Unidas sobre a situación do galego, Maceira lamentou que sexa "unha lingua só aparentemente oficial", porque "non se pode empregar en todo e para todo".

"Non é unha lingua oficial aquela que está excluída da atención sanitaria en plena pandemia, aquela que está excluída practicamente en todos os contidos audiovisuais. Non é unha lingua oficial a que non se pode empregar ou o emprego é arbitrario en función do que decida o funcionariado na administración pública", resaltou o portavoz de Queremos Galego. Por todo iso, Maceira reivindicou que "é hora de tomar as rendas" do destino do idioma "e saber que todos os pobos que se desenvolveron economicamente, socialmente e culturalmente contaron coa súa lingua".

Música e distancia de seguridade nun evento de carácter festivo

Os miles de asistentes á concentración –uns 1.600 inscritos, segundo Queremos Galego, máis varios centos que acudiron a maiores– dispuxéronse de maneira que a inmensa mayorían puideron manter as distancias, mentres portaban pancartas que contiñan diversas consignas en defensa do idioma.

O evento, de marcado carácter festivo e reivindicativo, contou coa música de Xiao Berlai e coa actriz Isabel Risco como presentadora, quen lanzou proclamas a favor do emprego da lingua que recibiron o aplauso de todos os asistentes. "Hai que falar galego, é a única maneira de defendelo", gritou. Así mesmo, Isabel Risco cargou contra a Xunta de Alberto Núñez Feijóo: "Non é normal, é unha anomalía que teñamos un goberno que non estea a facer políticas lingüísticas".

Durante o acto, tamén se deu lectura a un manifesto a favor da normalización en boca de diferentes personalidades: a Coordinadora de Traballadoras pola Normalización da Lingua, Anxos Sobriño; polo estudante de secundaria Eduardo Armas; pola traballadora do aeroporto de Santiago Marta Romero; e polo actor de dobraxe Antón Rubal Pernas.

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas