Balonmán

Bágoas de trascendencia no derbi entre Porriño e Guardés

As xogadoras do Porriño celebraron a clasificación para as semifinais de liga, mentres que algunhas xogadoras do Guardés (Hauptman na fotografía) lamentaron a derrota.
photo_camera As xogadoras do Porriño celebraron a clasificación para as semifinais de liga, mentres que algunhas xogadoras do Guardés (Hauptman na fotografía) lamentaron a derrota.

O derbi entre Porriño e Guardés reuniu unhas 1.200 persoas, que gozaron dunha previa longa de bo dente e dun partido moi entretido, que rematou con lágrimas de ledicia ou tristura

Cando un partido remata con bágoas, xa sexan de tristura ou de ledicia, é porque o que se estaba xogando no campo é importante, deportivamente trascendente. E así sucedeu onte no Municipal do Porriño entre o equipo local e o Guardés. Choraron as visitantes tras o empate que as deixaba fóra das semifinais ligueiras e tamén apareceron os ollos húmidos no equipo louriñés. Era a felicidade pura con apertas, bicos e moitos aplausos nunha xornada de ledicia e ánimos cunha bancada que axudou moito na remontada ó seu equipo como antes o recuncho do Inferno impulsou ás súas xogadoras.

Porque unhas 1.200 persoas nas bancadas axudaron á creación dun magnífico ambiente nun día preparado con cariño polo equipo local cunha previa longa con música de dj e, sobre todo, moita e saborosa comida en forma de empanadillas ou bocadillos de tortiña. O grifo da cervexa tivo momentos que funcionou como fonte porque o que rotaban era os vasos pola demanda do líquido. 

Os seguidores do Inferno deixáronse notar na súa chegada ó abrir uns botes de fume para trocar o vermello porriñés por azul durante uns cantos segundos. Porque había moitas camisolas locais na previa e tamén dentro do pavillón. Estaba case todo o club nun partido para a historia e, como un bo día grande, o himno galego apareceu con ata nove gaiteiros e un bombo. Os que non estudaron a letra a tiñan no videomarcador para non despistarse, como tampouco perdeu detalle a mascota ‘Lou’. Estaban todos, incluido o seleccionador español, Ambros Martín, acompañado polo seu segundo, o veciño da Guarda José Ignacio Prades.

Te puede interesar