Opinión

Sempre co equipo

Coas magníficas retransmisións ciclistas dos últimos tempos fomos entendendo claramente como os triunfos de etapa ou de carreira debíanse ó durísimo e eficaz traballo dos gregarios, que permitían que o seu xefe de filas lucira no podio o maillot de campión; incluso logramos comprender como detrás dunha chegada ó sprint había toda unha estratexia planificada previamente polos adestradores e executada con precisión polos compoñentes do equipo.

E de equipo é xustamente do que quero falar hoxe a un día da estrea do 'Bamboleo', o programa que a TVG puxo nas miñas mans para tratar de levantar a audiencia da noite dos sábados, que é con moita diferencia o día máis complicado de toda a semana. E aí estou, preparado para unha nova reválida tratando de conseguir o mesmo resultado que cando co 'Acompáñenos' levantamos unha tarde que desde os tempos da querida Ana Kiro non había maneira de arreglar, ou co 'Tan ta ran tan' do pasado verán, onde con moitas ganas, ilusión e traballo conseguimos facer un producto altamente competitivo e rentable. E aí estiveron sempre os equipos, con todas esas persoas que maioritariamente se manteñen no anonimato, aparecendo á penas nos títulos de crédito fináis, pero que son as encargadas de poñer todo en bandexa para que o presentador soamente teña que transmitir dándolle o seu xeito persoal.

Despois de ter traballado nos últimos tempos coa productora viguesa de Luis Collazo, para quen non podo ter máis que palabras de agradecemento, tanto para él como para o seu equipo comandado por Nino Alvarez, César Iglesias e Miguel García; volvo facelo agora co mesmo equipo que creou e mantivo 'Supermartes' durante catorce anos na productora santiaguesa de Ghaleb Jaber dirixida polo ourensán Xosé Arias, sentindo a agradable sensación dunha desexada volta á casa seis anos despois, atopándome, ademáis de cun precioso plató para facer show televisivo, con moitos compañeiros cámaras, realizadores, técnicos, guionistas ou maquilladoras, que seguen empeñados en facer as cousas moi fáciles como para que mañá sábado pola noite entremos de cheo e con forza nos fogares dos galegos.

Volverei repetir por activa e por pasiva que por tras de calquera cámara oculta, calquera paso de baile ou calquera actuación está o traballo previo de productoras pelexando con mánagers, de técnicos loitando contra os elementos, de redactores con interminables horas de conversacións telefónicas ou de luminotécnicos buscando a cor adecuada para captar a atención do espectador. Por iso é fantástico facer televisión e por iso é para min como unha droga, porque hai que facer confluir o traballo de moitos sub-equipos que, créanme, estanlle botando tanta ou máis ilusión que cando comenzabamos xuntos na primavera do 92. Pasaron anos e con eles chegou para moitos, entre os que me incluo, a madurez persoal e profesional, conseguindo que agora todo sexa moito máis fácil e divertido, aínda que cada un siga suándo a camiseta á súa maneira, sexa construíndo decorados, creando guións, animando ó público, buscando o plano máis impactante ou limpando o escenario. E con esa madurez e con esa ilusión iniciamos tempada co ánimo de quedarnos, e de facer que na noite dos sábados os mandos da tele volvan gastarse no numeriño que contacta coa Galega. Asegúrolles que este gran equipo traballou duro para que David Civera, Los Satélites, Elio dos Santos, os bailaríns, os colaboradores, vostedes, e éste que lles escribe disfrutemos deste novo 'Bamboleo'.

Te puede interesar