Unha opción, debe ser boa

Traiñeiras

O traiñeira masculina de Chapela acadou a segunda praza en Bermeo e hoxe busca o ascenso en Portugalete (11:30, TVG2) tras quedar sen opcións a feminina e as dúas de Tirán

Publicado: 21 sep 2025 - 10:23 Actualizado: 21 sep 2025 - 10:28

Os remeiros de Chapela realizaron un gran esforzo para rematar na segunda posición en Bermeo.
Os remeiros de Chapela realizaron un gran esforzo para rematar na segunda posición en Bermeo. | TOÑI/Remeirando

Queda unha opción e todo indica que será boa, pero tamén falta por vogar hoxe na ría de Portugalete. De catro traiñeiras da Ría de Vigo presentes na promoción de ascenso á ACT queda Chapela masculina na loita tras a celebración da primeira xornada de regatas na localidade de Bermeo que, pese as previsións que indicaban que o mar non estaría revolto, finalmente viviuse unha tarde dura con ondas e vento. Malas condicións e moito traballo para patróns e remeiros en formato contrarreloxo. Nestes dous puntos, o barco de homes de Chapela asinou unha boa actuación e hoxe parte na segunda posición e con boa renda de segundos na calma de Portugalete para confirmar o ascenso de categoría e meter, por primeira vez na historia do club, a unha traiñeira ‘berete’ na máxima categoría. Se o masculino tivo un bo día, moi poucas opcións ten o barco feminino, xa que onte amosouse lonxe das súas rivais coa cuarta posición. Tirán Pereira, pese ó bo traballo da “Mar do Con” masculina, pechou a regata nas dúas categorías. Había moitas opcións rematar así e sucedeu.

Punto por punto, regata a regata, a de homes tivo unha notable decepción e dúas tripulacións que aproveitaron a xornada ó máximo, especialmente a ‘berete’ de Chapela. Intelixente na navegación e co punto de forza necesario para acadar un resultado notable, pese a que o adestrador, Juan Zunzunegui, non parecía contento ó rematar a proba. As sensacións dentro do barco non sempre van da man do cronómetro.

O tempo final, que é o importante, foi notable porque o barco do Paseo de Cardona foi segundo a 8.26 de Santurtzi, que confirmou o favoritismo nun día de mar picado. Terceira meteuse a traiñeira de Arkote para deixar na cuarta praza a Kaiku, o bote que se afundiu onte e que salvou a última posición por dous segundos sobre Tirán Pereira. O barco de Sestao, nunha regata de calma como a de hoxe, podería ser a principal ameaza para Chapela, pero para ascender xa ten que gañar, meter unha embarcación entre él e Chapela e, sobre todo, ter 15 segundos de renda sobre o barco laranxa. A terceira opción, tras o rendemento de onte e en augas interiores, camiña para un escenario utópico.

Nun día revolto, de vento cruzado, o rumbo e as balizas de Daniel García foron chave

A “Mar do Con” nun primeiro longo con vento de costado de mar a terra e ondas cruzadas estableceu o primeiro parcial da xornada nunha baliza con catro traiñeiras nunha franxa de tempo de catro segundos e soamente con Santurtzi destacado. Neste punto, o patrón de Chapela, Daniel Suárez, comezou a facer unha regata notable porque pasou a baliza a rentes da bandeira para gañar un tempo magnífico mentres que Arkote, que sería rival directa, deixou uns metros moi valiosos.

No ecuador da proba, as posicións consolidáronse con Santurtzi voando co vento en contra, pero as ondas de axuda. Chapela, adaptouse ás circunstancias para poñer terra de por medio sobre o trío de Arkote-Kaiku e Tirán Pereira, que loitaban por esa terceira posición da esperanza. Estaban separados por dous segundos. E o terceiro longo resultou definitivo porque Arkote mantivo o rendemento do rego inicial, pero esta vez non agasallou con segundos na ceavoga, mentres que Kaiku cometeu o erro de non loitar contra o vento e tomou un rumbo demasiado interior co que realizou moitos, moitos metros de máis ata o punto de pasar a ser o último da regata por detrás de Tirán Pereira. A “Mar do Con” loitou moito nunha das mellores regatas da tempada, pero ó seu máximo serviulle para a quinta posición a dous segundos de Kaiku e dez de Arkote.

A traiñeira de Tirán avanza por Bermeo na sesión de onte, que estivo marcada polo mal tempo.
A traiñeira de Tirán avanza por Bermeo na sesión de onte, que estivo marcada polo mal tempo. | Aitor Arrizabalaga

Chapela, pola súa banda, aproveitou o día con bo vogar e o rumbo ideal, metendo a proa algo cruzada apuntando ó estribor da boia exterior porque xa o vento o enviaba polo lado correcto debido a súa forza, que era notable. E, nos últimos metros, xa en calma, os remeiros de Zunzunegui entraron ó máximo para entender que medio ascenso estaba na man.

Moi lonxe as mulleres

A sesión en Bermeo, con vento forte e ata con choiva, comezou cunha regata feminina na que Tirán Pereira careceu de toda opción e Chapela, que debería estar na loita polo ascenso, esqueceuse dese obxectivo nun segundo rego malo, impropio e que, probablemente, pon de manifesto a distancia, enorme, terrible, existente entre as traiñeiras do Cantábrico e as galegas na categoría feminina. O barco campión da Liga Galega estivo a case vinte segundos de Zarautz, a terceira traiñeira na promoción, nunha competición a dous regos. Un dato preocupante, moi moi preocupante.

No ecuador da regata, o barco moañés estaba lonxe, pero Chapela pasou a cinco segundos dos seus predecesores e, ademais, asinou una manobra de calidade, das que recortan diferenzas. Pero quedou aí porque, no regreso a terra, contra o vento, a cesión de tempo foi notable. As remeiras laranxas cederon 15 segundos sobre todas as súas rivais. Gañou Donostiarra con 1.08 sobre San Juan e 4.10 de renda con Zarautz. Ó deixar 23.58 segundos, Chapela ten que gañar hoxe en Portugalete -que xa parece imposible- e buscar unha carambola de puntos e tempos nos que neutralizar a perda de segundos de onte co barco que empate na xeral. O ascenso está lonxe, realmente lonxe, porque en Bermeo a distancia resultou enorme.

A proeira de Tirán Pereira mete a pica na regata en Bermeto.
A proeira de Tirán Pereira mete a pica na regata en Bermeto.

Contenido patrocinado

stats