Digna Rivas: "Eu son de parroquia polo que sei que hai moito que mellorar"

Digna Rivas revalidou o seu posto como alcaldesa tras as eleccións municipais do mes de maio.
photo_camera Digna Rivas revalidou o seu posto como alcaldesa tras as eleccións municipais do mes de maio.
"Xa estamos  coa redacción de proxectos de varias humanizacións. A primeira será a de Pai Sarmiento", di a alcaldesa de Redondela

Digna Rivas chegou por primeira vez á alcaldía de Redondela coas eleccións municipais do ano  2019. Tras finalizar esa lexislatura a socialista volveu presentarse como cabeza de partido nas últimas eleccións, en maio de 2023. Nese encontro, o PSOE conseguiu 7 concelleiros. Despois de varias semanas de negociacións, e  tras chegar a un acordo co BNG de Redondela e a Agrupación de Electores de Redondela (AER), Rivas  retomou a alcaldía na sesión de investidura do  17 de xuño deste ano.  Hoxe celébranse os seis meses desde que o novo goberno socialista  de Digna Rivas goberna en Redondela.

Este novo goberno municipal en Redondela xa vai cumprir os 6 meses, como valora ata o momento esta nova lexislatura?

Moi ben, sei a liña de traballo que quero e xa estamos a pensar en todo o que queremos facer durante estes 4 anos de mandato. Xa estamos con eses proxectos a longo futuro que queremos facer e traballando moitísimo. Saímos adiante, estamos moi fortes, con moita ilusión e moitas ganas de traballar.

Como están a ser as relacións con AER? Porque na anterior lexilatura houbo problemas que remataron con AER perdendo a súa concellería… 

Esa é unha páxina que quero deixar pechada. Nunca houbo problemas en si. Neste caso, co concelleiro Roberto Villar, é ao revés. Facemos un grupo moi unido e moi forte. Consultámonos todo e traballamos conxuntamente. Temos reunións semanais para falar de todos os temas que xorden. A finalidade é tentar solucionar e transformar. De verdade, estou moi contenta e con moi boa sintonía con Roberto Villar.

Se non me falla a memoria, un dos puntos do programa electoral de AER, e que a formación quere materializar, é a peonalización de certas rúas de Redondela, como a rúa Paseo da Xunqueira, Ernestina Otero, Pai Sarmiento ou Telmo Bernardez. O lado socialista do goberno ve esta iniciativa factible?

Xa estamos con iso. É unha das cousas que empezamos facer tan pronto como empezou o goberno. Isto non só entraba no pacto de goberno de AER, porque tamén ía no programa do PSOE. Xa estamos  coa redacción de proxectos de varias humanizacións. A primeira en executarse será a de Pai Sarmiento, que é a máis sinxela.

Desde hai meses os pais dos centros educativos están a esixir unha solución ao transporte escolar, de feito reuniuse con membros da Xunta. Hai algunha novidade respecto a este asunto?

Nesa reunión que solicitou o Concello de Redondela antes de empezar o curso, e tivo lugar dous meses despois, foi co director de Educación e coa responsable de Movilidade da Xunta. Aí o que se nos expuxo foi o SIMU, que é ese transporte que nós xa valoramos desde o primeiro momento pero que na provincia de Pontevedra está implantado en só dous concellos, e que non ten moi bo resultado... Aínda así, queremos tentar chegar a unha conclusión, aínda que a competencia é da Xunta. Os concellos non teñen a competencia pero son veciños e veciñas de Redondela e eu teño esta responsabilidade como alcaldesa. Debo conseguir que eses mozos, que teñen o mesmo dereito que os demais, poidan ir ao instituto nas mesmas condicións. 

Como está  a ser a relación coa oposición?

Co Partido Popular non hai unha boa relación pola dinámica e pola forma que está a facer o PP de oposición. A súa oposición é unha oposición destrutiva. É un berrinche continuo, tanto nos plenos como no día a día. Eu creo que o que sucede neste caso é que o responsable máximo do partido en Redondela, que é Javier Bas, debería liderar esa oposición e deberse a Redondela, como sempre dixo que faría cando era alcalde. Ten que dar exemplo que é o que esperan del e non está facendo. Está a facer o contrario. Non asume que a esquerda goberna en Redondela e que asó o decidiu a cidadanía do municipio.  Mentres non o asimile ese é o comportamento inadecuado do Partido Popular.

E co BNG?

Boa. O BNG, co seu apoio, permitiu que eu poida ser alcaldesa de Redondela. Iso téñoo sempre presente. Temos esa relación con conversacións e sempre  teñen as portas abertas a todo o que queiran e todo o que poidan traballar con este goberno. Iso témolo claro. Temos cousas do propio pacto das que temos que falar e de aquí á aprobación dos orzamentos haberá proxectos que serán ideas do propio BNG que se poidan poñer en marcha. O que quero trasladar é que temos boa sintonía. O seu apoio foi necesario para que a esquerda estea a gobernar en Redondela.

Que me pode dicir sobre o Plan Xeral?

O PXOM está listo para ir a pleno no próximo ano. Non quero dicir datas exactas pero si me atrevo a dicir que no primeiro trimestre de 2024 xa vai ser unha realidade e que se vai levar a cabo. Estábamos a esperar as autorizacións e por iso non podíamos adiantalo antes pero esta vai ser unha boa noticia para toda a cidadanía de Redondela con todo o que o PXOM vai conlevar. Será moito traballo pero estou encantada de poder facelo e que se adapte ás necesidades da xente de Redondela.

Ao ir pola rúa pódese escoitar aos veciños das parroquias queixarse sobre o abandono das mesmas. Hai algunha iniciativa planeada para as zonas non urbanas de Redondela?

Eu son de parroquia polo que sei que hai moitas necesidades a mellorar. O que pasa esque non podes cambiar todo en tan pouco tempo. O máis urxente nas parroquias son os camiños , que levan moitísimos anos con falta de mantemento. Isto non é de agora, eu xa tentei licitar para poder facer un asfaltado. Pero fago o traballo. Xa temos unha batería con todos eses camiños composta por eses proxectos e memorias que xa estamos a solicitar. 

Tamén estamos a traballar, tanto o concelleiro de Infraestruturas como eu, en facer unha memoria completa de cada parroquia coas medidas máis urxentes dos camiños.  E logo hai outra cousa moi importante: as rozas e a limpeza de cunetas. Eu xa adiantara que se ía a facer un contrato de rozas  que ía ser histórico en Redondela. Estou con iso e cos pregos para que o ano que vén xa saia a licitación. Este contrato é un moi amplo e inclúe a limpeza de cunetas, polo que mete un mantemento case anual. É dicir, teñen fixadas dúas datas para rozas. Este contrato, tanto a nivel económico como de formato, nunca se fixo no Concello  pero considero que esa é a necesidade prioritaria que teñen os veciños nas parroquias. Logo seguiremos co cambio das luminarias LED do mesmo xeito que nestes catro anos, para poder conseguir que todas as parroquias teñan esas luminarias tan necesarias.

Sobre o futuro. Que plans hai para o resto da lexislatura?

Hai plans que eu anunciei antes de acabar o anterior mandato do que faría se volvía a ser alcaldesa e iso é no que estou a traballar. Neste caso sería o paseo litoral de Cesantes, que vai ser algo difícil e custoso e no que estou desde o primeiro día que chegeui a alcaldía. Ese paseo litoral en Cesantes non vai ser algo importante só para os veciños da parroquia senón para toda a xente do municipio. Igual que nos pasou en Chapela coa Senda Verde, da que xa anuncio que temos o proxecto da segunda fase,  a cal se empezará tan pronto teñamos subvencións que esperamos da Deputación de Pontevedra, aínda que a día de hoxe non temos constancia do que nos vai deparar a Deputación cando en outubro sempre sabíamos esas liñas do Plan Concellos.

Te puede interesar