MJ Pérez: "Vivimos un momento de proliferación cultural, pero só hai sitio para tres"

MJ Pérez presentou o seu último single en Atlántico TV.
photo_camera MJ Pérez presentou o seu último single en Atlántico TV.
MJ Pérez visitou Atlántico TV co seu último traballo “O barco á deriva”, un single co que celebra dez anos no mundo da música

A compositora de Arzúa, MJ Pérez visitou Atlántico TV co seu último traballo “O barco á deriva”, un single co que celebra dez anos no mundo da música e que ven marcar un antes e un despois na súa traxectoria.

 

 

Comeza etapa con forza, cun single e un videoclip moi potentes.

“O barco á deriva” é un tema que coceu a lume lento e que precisaba unha localización con impacto. Escollemos a Ribeira Sacra porque transmite moi ben ese escenario.

Lanza unha mensaxe pesimista. Hai luz ao final do camiño? 

É unha descrición do que está a pasar, algo que sufrimos de xeito recorrente. A canción e o vídeo repítese en bucle como a nosa situación. Por moito que fagamos, nada vai cambiar. Ten unha parte de aviso do que pode pasar de seguir así. É unha canción oscura que ten forza e garra.

Máis tamén semella unha reivindicación de país.

É un himno a unha xeración, á mocidade, é a canción dun país. Vivimos un momento de proliferación cultura, pero non está democratizada. Reivindicámonos como artistas e logo só hai sitio para tres. 

A súa música é contemporánea, mais con raíces moi marcadas. Como se etiqueta?

Sempre me definín como cantautora, pero agora é un sambenito, a xente pensa que vou cantar unha nana. O meu xeito de narrar, como nace a canción ou os meus referentes como Ismael Serrano danme espírito de cantautora, pero gústame xogar co estilo, dende o pop-rock, a cumbia ou con guiños á música portuguesa.

De feito esa chiscadela á Portugal faina soar case como un fado modernizado. 

Ese proceso que comezamos en Galicia agora tamén se dá en Portugal. Xente como Ana Moura incorpora bandas máis directas. Miran ás raíces con aires actuais.

Moitos dos seus seguidores están a outra beira do Miño. Como logra esa química?

Ven dada, pola miña nai son medio portuguesas e  hai unha conexión. Síntome tan de aquí como dala. Cada vez dende a outra beira se mira máis cara a Galicia. Para min, a nivel persoal e profesional é unha teima favorecer esa ponte.

É moi activa en redes. Van ligadas á súa traxectoria musical?

Gústame xestionalas eu. Penso que non se trata so de cantar, senón de comunicar cunha foto, un video ou unha montaxe. O que me gusta é esa parte de interacción directa, estás creando contido que hai xente que o sabe valorar. A parte escura é que resulta unha actividade un pouco escrava e tamén é un pouco de espellismo cando algo se comparte moito pero iso non se reflicte nas escoitas. 

Este single será o primeiro dun novo álbum?

Agardo que saía un disco a finais de ano.

Te puede interesar