Fillas de Cassandra: “Os grupos de folk retroaliméntanse, se lle vai ben a unhas vainos ben a todas”

Sara Faro e María Soa visitaron o set de Atlántico TV.
photo_camera Sara Faro e María Soa visitaron o set de Atlántico TV.

“Neste traballlo hai temas inéditos de dous tipos, algúns verán a luz máis adiante e otros quedarán entre as cousas que acontecen nos directos”, explican Sara Faro e María Soa

Fillas de Cassandra, María Soa (Vigo, 1996) e Sara Faro (Vigo, 2001) estiveron de volta no set de Atlántico TV para presentar o seu último traballo, un espectáculo para directo que as traerá ao Auditorio Mar de Vigo o 16 de febreiro.

 

 

 “Últimas dionisíacas” é a súa nova proposta. Que se vai a atopar o público? 

M. Chámase así polas festas que se facían na Grecia clásica e para non pechar aínda a acrópole que construimos. Hai temas inéditos de dous tipos, algúns que verán a luz máis adiante e outros que se quedarán entre as cousas que só acontezan nos directos. Nesta xira,  “A veciña do cuarto” só a cantabamos en directo, só se coñecía polos concertos, pero ao final do tour sabíaa todo o mundo. Foi tan lindo que quixemos premiar a esa xente que nos segue a cada sitio que imos.

 

O 2023 foi un ano moi intenso para Fillas de Cassandra. Cal é o balance?

M. Foron moitas experiencias dende o punto de vista musical, pero tamén social, porque aprendemos a estar con xente moito tempo. Transcendeu do ámbito musical á comunidade que creamos.

 

Con esa fusión de música tradicional e son contemporáneo chega ao público moi variado. Como se satisface a distintas xeracións ao tempo?

S. Este ano mesturamos máis acústico, saímos ao escenario acompañadas por Tania e María, é tamén unha proposta máis electrónica, unha música que chega tanto a nenos pequenos como as nosas avoas. Encántanos, é un gusto velas bailar esta música.

 

Os comezos de Fillas de Cassandra vencéllanse ás mobilizacións e mensaxes feministas. Conservan esa esencia?

M. O feminismo máis que ser unha postura dun momento, é unha visión de vida. 

S. É a nosa visión do mundo e acompáñanos sempre. Aínda que non apareza nas cancións de xeito explícito, está aí como no tema na "Miña tataravoa", que vai sobre o legado que elas nos deixaron. Non fala de feminismo, pero o é.

 

Se houbo un tempo no que os gaiteiros levaban o protagonismo da música tradicional, agora semella que son cantareiras e pandereteiras as que tomaron a testemuña. É un novo fenómeno folk?

S. Penso que os grupos de folk retroaliméntanse. O outro día estabamos co das Tanxu e nós andabamos nervosas polo do Auditorio e por este traballo, entón Guadi díxonos que estivésemos tranquilas porque cando a unha lle vai ben, vainos ben a todas. A xente estaba desexosa de escoitar música en galego. 

 M.Tamén estamos un momento da cultura do meme, os roles que había nos diferentes sectores dilúense, pódese entrar en tódolos campos como de broma, se tes un pouco de morro e fas o que che da a gana, xa está.

 

Despois de ser o grupo revelación  e de reafirmarvos, chega o ano da consolidación?

S. O noso é un proxecto no que levamos moitísimo tempo traballando con outras persoas. Agora xa nos podemos permitir que haxa profesionais adicados a aspectos como as luces ou o son. A toda esa xente que nos apoio índo a 60 concertos que dimos, podemos ofrecerlles algo que a nivel calidade sexa o mesmo ou mellor que anterior.

 

A xira comeza en Vigo. Algo especial para a ocasión?

M. Que menos que a primeira onde actuemos sexa na nosa cidade, imos a por todo. Cada concerto vai ser distinto do anterior. É posible que recibamos algunha visita sorpresa. 

 

E con isto despídese xa o mundo grego?

S. Había que irse por todo o alto. Este ano xa pechamos a acrópole ao xeito de como se fai nas familias,  cantando, cunha festa e todos para casa a seguir traballando.

Te puede interesar