Xela Arias enche de rebeldía o Día das Letras Galegas

Pleno da Real Academia Galega, onte en Vigo
photo_camera Pleno da Real Academia Galega, onte en Vigo

A cidade acolleu o pleno da  Academia  e os actos en lembraza da poeta que pediu “o dereito a rebentar”

O espírito rebelde, transgresor, anovador e inquedo de Xela Arias sobrevoou  onte o Auditorio Mar de Vigo, onde a Real Academia Galega (RAG) desenvolveu o acto central  do Día das Letras Galegas, adicado a esta autora de Sarria que pasou a meirande parte da súa vida na cidade viguesa.

Había nove anos que a RAG non celebraba o seu pleno extraordinario en Vigo -o último, en 2012, co Día das Letras adicado a Valentín Paz Andrade- e tivo que ser novamente un autor, neste caso autora, representante do mesmo carácter puxante da cidade máis grande e industrial de Galicia, como salientaron os académicos, quen trouxera de volta a esta institución.

O propio presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, aludiu a ese Vigo dos anos 80 e 90 no que se moveu a Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), quen viviu nun momento “especialmente activo, enerxético, podería dicir, e ilusionante”. Unhas décadas, dixo, “dunha enorme explosión cultural e creativa, protagonizadas por novas xeracións de mozas e mozos" que, engadiu, aportaron novas formas de expresión “sen renunciar á memoria dos seus avós e dos devanceiros”. “Vigo tivo un protagonismo moi especial nese momento, diría que moi principalmente nos barrios da cidade: dende Coia a Sárdoma, dende Alcabre a Navia, Teis, Freixeiro, Bouzas, Lavadores, Castrelo, a Florida, a Salgueira, o Casco Vello, o Berbés…”, foi enumerando. Outro aspecto que salientou foi o da transmisión oral do galego, representado polos pais de Xela Arias Castaño, Valentín e Amparo, polo que animou a manter viva esa riqueza como “factor de socialización para construír a nación do futuro”. “Esta responsabilidade témola todos, non podemos mirar para outro lado”, dixo, unha afirmación que soou máis necesaria que nunca logo dos últimos informes que falan do alarmante retroceso da lingua entre a mocidade.

O pleno da RAG foi un acto sobrio, como acontece nestes casos, pero non exento de emoción posta de manifesto xa dende a apertura, coa música de Fernando Abreu quen, acompañado de Mónica de Nut e Pablo Carrera, interpretou un fragmento de “Vencerse é cousa de se tratar”, coa propia voz de Xela Arias, un espectáculo que ámbolos dous estaban a preparar no momento en que a morte soprendeu repentinamente á poeta.

A pandemia reduciu o número de convidados, pero non a repercusión que tivo e está a ter a elección da poeta en Galicia e en outros lugares do mundo, onde se puido ver este acto por streaming. Na mesa presidencial, xunto a Freixanes, estaban tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a nai da autora de obras como  “Trigres coma cabalos”, arroupados por unha ducia de académicos.

Entre o público -un cento de convidados pola limitación de aforo- o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; políticos de todos os grupos e expolíticos, como Xosé Manuel Beiras; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o teniente de alcalde de Ourense Armando Ojea; os reitores das tres universidades galegas; Fran Alonso, director de Xerais, editorial á que tan vencellada estivo Xela Arias como editora e tradutora;  a familia da autora, incluído o seu fillo, Darío, e o que fora a súa parella,  o fotógrafo Xulio Gil; e rostros coñecidos da cultura.

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas