A poeta que defendeu o “dereito a rebentar”

Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas, durante as súas intervencións.
photo_camera Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas, durante as súas intervencións.

Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Rivas glosan a súa obra

Os académicos Ana Romaní, Marilar Alexandre e Manuel Rivas foron os encargados de glosar onte, no acto oficial da RAG, a figura e obra de Xela Arias, autora que só publicou catro libros en vida -"Denuncia do equilibrio", “Darío a diario”, “Tigres coma cabalos” e “Intempériome”-, pero que revolucionou a vida literaria tanto como poeta que rachou cos moldes establecidos como editora que asentou as bases do galego estándar, tradutora responsable de facer posible ler os clásicos en galego e artista que non dubidou en mesturar a súa obra con outras manifestacións como a música e a fotografía.

Ana Romaní centrouse na poética radical da autora nun discurso no que invocou a Rosalía de Castro, para a que Xela reivindicou o “dereito a rebentar” dela e de todas as mulleres, a Luz Pozo Garza e Xohana Torres. “As escritoras, xa sabemos, están feitas da mesma materia que todas, apertadas coas mesmas tenaces, asaltadas nas mesmas violencias, rabenadas na mesma es trutura, esgotando o seu dereito a rebentar”, lembrou. “A súa poética pertence á forza dese pulo. A liberdade que o texto explora e a vida ratifica, entendémola desde un suxeito feminino que non se somete á orde, ao establecido, á institución”, engadiu.

Marilar Aleixandre, que lembrou a coincidencia deste ano co centenario de Emilia Pardo Bazán, defendeu que nos poemas de verdade sempre hai auga e sangue -"o sangue menstrual, a auga de fregar, as experiencias das mulleres", dixo-, que se mestura coa tinta. “Xela renega da melancolía. Exerce o dereito a rebentar, á protesta, á carraxe, porque un bo poema é un pasquín nas conciencias, un libelo, funciona como un panfleto”. Tras relacionar a súa ollada feminista como “poderosa metáfora de emancipación”, tamén se referiu ao galego. “Nos poemas, nas poéticas, conviven a mágoa por un idioma oprimido e condicionado por outro, coa ledicia de quen escribe nunha lingua que viviu salvaxe durante tantos anos, brincando matos, montes e pradairas”.

Manuel Rivas, que pechou a quenda de alocucións, dixo de Xela que “escrebe na variante que ten as coordenadas da sinceridade”. Tomando como referencia á súa coetánea catalá Maria-Mercè Marçal, sinalou dela ter nacido muller, de clase baixa e nación oprimida, e o turbio azul de ser por tres veces rebelde. "Xela Arias asumiu as tres rebeldías, entrelazounas nunha mesma tarefa emancipadora. Mais cómpre falar dunha cuarta rebeldía. Unha soidade solidaria, unha soidade eficaz. A súa procura dun almeiro de seu, dun espazo creativo singular, dun 'cuarto propio”, salientou.

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas