A RAG, no acto en Vigo: "A transmisión da lingua é responsabilidade de todos, non podemos virar para outro lado"

_VRL3710
photo_camera Unha imaxe do pleno da RAG celebrado este 17 de maio no Auditorio Mar de Vigo.
O pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG) convertiu a Vigo no centro da celebración do Día das Letras Galegas, adicado este ano á poeta Xela Arias

O pleno extraordinario da Real Academia Galega en Vigo co gallo do Día das Letras Galegas adicado á poeta viguesa Xela Arias comezou coa música de Fernando Abreu, que recupera a voz da autora de "Intempériome", coa colaboración de Mónica de Nut e Pablo Carrera, abre o acto.

"Resoa no ouvido cunha intensidade inaudita. Talvez é a consistencia que o tempo deposita nas vogais, nas consoantes. O substrato que densifica cos anos esa presenza, tan preto. Todo o que de corpo ten a voz a rozar o corazón da historia, da nosa historia. E somos nós quen imos pórlle as minúsculas. É unha decidida declaración de posición". Deste xeito comezou a académica Ana Romaní a súa glosa sobre Xela Arias. Romaní fixo un retrato íntimo sobre a poeta e a súa concepción da poesía e o seu posicionamento vital e rebelde.

A académica Marilar Aleixandre defendeu que na poesía hai auga, sangue e leite na súa glosa sobre Xela Arias, na que puxo a dialogar a esta poeta con Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Tamén lembrou o compromiso de Xela co galego que, sido, corre o risco de quedar sen falantes.

A súa escrita é unha loita permanente polo rescate das palabras nas ruínas históricas do silencio. Así definiu o académico Manuel Rivas á poética de Xela Arias. Unha autora, engadiu na súa glosa, que tivo unha soidade solidaria.

Co himno galego rematou o pleno da Real Academia Galega en Vigo. Antes, o presidente desta institución referiuse a Vigo como cidade na que agromou unha xeración chea de enerxía e ilusionante á que pertencía Xela Arias que buscou outras formas de expresión para o galego. Tamén afondou na importancia da transmisión da lingua, como fixeron Valentín Arias e Amparo Castaño coa súa filla. "É unha responsabilidade de todos. Non podemos virar para outro lado", concluíu.

O acto, que se desenvolveu na terraza do Auditorio Mar de Vigo, congregou a un cento –número limitado debido á pandemia- de persoeiros da cultura e a vida política galega, a mais da familia da propia homenaxeada, a súa nai Amparo Castaño, o seu fillo Darío Gil, o seu viúvo e os irmáns da autora.

Na zona de autoridades, amais do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e unha ducia de académicos, estivo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Sarria, vila na que naceu Xela Arias; os reitores das tres universidades galegas; políticos de todos os grupos do Parlamento galego, expolíticos como Xosé Manuel Beiras, e os principais editores galegos, como o director de Xerais, Fran Alonso, empresa á que tan vencellada estivo a autora de “Tigres coma cabalos” ou “Intempériome”, foron algúns dos asistentes a este encontro no que se glosou a súa obra e se reivindicou o uso da lingua galega.

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas