Atletismo

Atletismo e roupa térmica

A xornada atlética estivo marcada polo frío e tamén pola alta participación no CEIP Párroco Don Camilo, que viviu un día de festividade deportiva.
photo_camera A xornada atlética estivo marcada polo frío e tamén pola alta participación no CEIP Párroco Don Camilo, que viviu un día de festividade deportiva.
O cross escolar Párroco Don Camilo abriu o ano deste programa municipal cunha cita que xuntou a preto de 300 cativos na parroquia de Comesaña e que estivo marcada polo frío

Era un deses días de marzo nos que o vento húmido, do oeste, entra por tódolos sitios e obriga a ir tapado. Moitos gorriños, alguna capucha e, tamén, algunha que outra queixa á hora de sacar as chaquetas e sudadoiros para quedar en roupa deportiva coa camiseta do club e o dorsal á vista. Quedaron moitos dorsais sen recoller porque sempre hai temerosos, pero os nenos, pese ó frío, pareceron ser os que menos sufriron polas rúas anexas ó centro escolar Párroco Don Camilo. Iso si, na actualidade, a roupa técnica de deporte é unha constante e as camisolas interiores e as mallas longas resultaron maioritarias entre os pequenos competidores. O día o pedía para abrir o ano no certame de cross escolar vigués. 

En total, cruzaron a liña de meta preto de 300 cativos nas diferentes categorías e cun palmarés repartido, aínda que os pequenos do centro escolar anfitrión, o Párroco Don Camilo, mandaron nas divisións de menor idade. O número notouse. 

O día comezou coas probas de maior distancia dirixidas ós nenos de máis idade para ir descendendo en percorrido e anos. Cesár Maquieira (Pinarium) e Karol Rivera (Gimnástica) gañaron en infantís; Roque Barreiro (Carrasqueira) e Julia Ortiz (Comesaña), en alevíns; Aníbal Rivera (Celta Atletismo) e Gabriela López (Trega), en benxamíns; Iago Poceiro (Párroco Don Camilo) e Daniela Soliño (Comesaña), en prebenxamín; Aday Fernández (Carrasqueira) e Amalia Vidal (Párroco Don Camilo), en pitufos; e Tomás Bastero (Párroco Don Camilo) e Lara Rodríguez (Alborada), en olímpicos. 

Tamén realizouse unha carreira de nais e pais, coa primeira posición para Damián Fernández e Raquel Miraz nunha cita na que, por uns segundos trocaron os papeis iniciais. Aínda que é certo que os pequenos non estaban tan interesados como os maiores en captar co teléfono tódolos movementos dos seus familiares.

Te puede interesar