Opinión

Non á proposta da Xunta de nova zonificación escolar para Vigo

A actualidade de Vigo pasa estes días pola modificación das zonas escolares para a cidade que a Consellaría pretende impoñer e que suscitou un rexeitamento unánime. Familias, estudantado, profesorado, sindicatos, partidos políticos, asociacións veciñais e colectivos sociais salvan as súas particularidades e diferenzas dándolle sentido ao termo “comunidade educativa”, pois están a tomar decisións en común e a mobilizarse xuntos.
A desfeita que propón a Xunta vén cociñada e imposta unilateralmente desde os escuros despachos da Consellaría dado que non houbo negociación con ningún colectivo. Modificar a zonificación de Vigo foi un asunto que a Xefatura Territorial nunca quixo abordar pese ás demandas das organizacións sindicais e doutros colectivos da comunidade educativa; pola contra, foi solucionando os problemas con parches que xeraban aínda máis problemas dos que pretendía arranxar. O claro exemplo é o de Navia, onde non se aceptou a situación que vaticinamos as organización sindicais, veciñais e os colectivos de nais e pais: a construción das vivendas do PAU implicaría un aumento da poboación en idade escolar polo que se precisaba dun colexio amplo e dun instituto no barrio. O tempo deunos a razón porque a alta taxa de natalidade e poboación nova de Vigo obrigou, contra a vontade da Xefatura Territorial que tivo que improvisar, a que o colexio estea sendo actualmente ampliado mentres o profesorado e o alumnado sacan adiante a súa actividade lectiva con dilixencia e eficiencia a pesar das molestas obras.


Alén da imposición, a proposta que pretende impoñer a Xunta non está baseada en criterios técnicos nin pedagóxicos e crea moitos novos problemas. O reparto de Vigo en catro zonas escolares fronte ás trece actuais suporía un crecemento dos espazos e dos traxectos, permitindo ás empresas privadas facer negocio co desprazamento do alumnado; tamén priva ás familias que queiran optar a prazas doutras zonas de usar o transporte. Habería ademais cambios nas adscricións dos colexios de primaria aos institutos, algúns ilóxicos como a do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, en Navia, que pese a ter dous institutos próximos vai enviar o alumnado a Valadares, a dez quilómetros. Por outra banda, se reorganizarían as ensinanzas, como no IES de Teis, que se converte nun centro de FP malia a oposición do seu claustro.


O feito de que a cidade precisa dunha nova zonificación é innegable xa que o actual modelo resulta obsoleto no Vigo do século XXI, moi diferente ao dos noventa. No seu momento buscou compensar a concentración de escolas concertadas no centro coa construción de colexios públicos nos barrios periféricos, pero actualmente provoca o efecto contrario: máis matrículas nos concertados (están no centro, onde hai unha alta densidade de poboación) e menos nas escolas públicas, que pechan unidades e perden postos docentes. 


Para acadar unha solución ao problema cómpre retirar esta proposta unanimente rexeitada e abrir un proceso de negociación real e serio que consulte a todas as partes. Debe contentar especialmente ás familias e ao alumnado, como usuarias e afectadas que son, e ao profesorado, coñecedor da realidade dos seus centros e da dificultade de ofertar un servizo público de calidade cando as administracións só valoran criterios economicistas e seguen a concibir o ensino como un gasto no canto de como un investimento social. Porén, a cidadanía non consentirá esta desfeita e seguirá a loitar unida por unha zonificación xusta, equilibrada e útil, o que exclúe a actual proposta.

(*) Delegado sindical da Federación de Ensino de CCOO.

Te puede interesar