Cartas al director

CARTA ABERTA Ó CONSELLEIRO DE CULTURA

n  n  n Hai uns días recibimos no correo da banda unha carta de felicitación asinada por Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria)  por ter recibido o Premio Martín Códax da Música Galega. Esta é a nosa resposta, a cal queremos facer pública:
Sr. Conselleiro, dende NAO querémoslle devolver esta carta de mera cortesía. É evidente que non coñece o percorrido da nosa banda, nin que cantamos, nin que pensamos. É evidente tamén, que estas cartas prefabricadas carecen completamente de sentido a estas alturas da súa carreira política. Só denotan a súa falsidade e falta total de ética.
Como mestre que son, levo padecendo a súa mediocridade como conselleiro máis de cinco anos. Vin como foi quen de menosprezar constantemente a nosa labor docente e facer os maiores recortes en educación que vivín en toda a miña carreira. Como centros de ensino nos que traballei con multitude de alumnos/as con dificultades perderon profesorado polas súas políticas de despilfarro no privado e recorte no público. Polo seu decreto de imposición lingüística teño prohibido darlles as aulas de matemáticas en galego ao meu alumnado, facéndoos analfabetos lingüísiticos nesta materia. Como a estas alturas xa imaxinará, é unha orde que loxicamente desobedezo. Vin nestes sete anos como continuamente se sacaba a foto nos centros públicos mentres os recorta e premia aos privados. Os meus compañeiros/as de maior idade califícano como o peor conselleiro de educación da historia da Xunta de Galicia. En NAO temos unha canción titulada “Pedagoxía do opresor” que explica claramente o que pensamos da súa política educativa. Os seus actos pasarán factura nas vindeiras xeracións de fracasado escolares, excluídos sociais e analfabetos na lingua propia.  É por isto polo que vostede pasará a historia. Podería seguir, pero imos a centrarnos na parte cultural.
Como Conselleiro de Cultura os músicos e músicas galegas levamos tamén padecendo a inutilidade do seu cargo dende o seu nomeamento. Os que realmente loitamos porque a cultura galega sobreviva e medre, vemos como o goberno da Xunta de Galiza do que vostede é parte activa, despilfarra millóns de euros en negocios e eventos de “amiguetes”. Como gastan centos de miles de euros en enclaustrar na súa Cidade da Cultura actividades doutras nacionalidades e incluso propias, con mínimo seguimento do público.  Sofremos as rebaixas en orzamento para os festivais e como se lle negan as axudas, poñendo trabas continuas  aos eventos culturais de base: festivais, centros sociais, salas, asociacións culturais... Non esquezemos que os eu partido político, o Partido Popular, incrementou o IVE para as actividades culturais.
Señor Conselleiro, vostede é a antítese do que nós defendemos: cultura libre, liberadora e popular; mais imos aproveitar esta misiva para darlle un par de consellos por se desexa recollelos:
 Os músicos e músicas galegas queremos que se cree unha infraestrutra musical que permita que nazan novos talentos e que os xa existentes teñamos a oportunidade de chegar ó gran público. Rematen xa co lixo “cosmopaleto” que invade a nosa televisión pública e abra a nosa canle ás bandas galegas e especialemente aos que o facemos en galego. Creen programas de música en directo, literatura, teatro... Déannos proxección pública no resto de programas culturais e de entretemento.
Actualicen e fagan atrativo o Xabarín Clube e que novas bandas saian alí cantando na lingua propia para que os nosos cativos e cativas teñan un espello no que verse reflexados e se sintan orgullosos e orgullosas de falar galego.
Faga as xestións oportunas para que bandas como a nosa sonen na radio pública a calquera hora do día e non nos encerren a altas horas na segunda canle. Promocionen o propio e deixen de gastar millóns en grupos foráneos. 
En definitiva, cambie de mentalidade e comece a facer país. Como dí un moi bo amigo da banda: “Somos un pobo de artistas!”. Somos ricos en cultura. Con actuacións como a súa por acción ou por deixazón están empobrecendo a cultura do noso país. 
Non queremos o seu agradecemento por este premio. Queremos que o ano que vén se retransmita en directo a gala dos Martín Códax. Temen que os galegos e as galegas abran os ollos? Temen a crítica cobardemente porque saben que as súas actuación son ilícitas e carentes de toda ética? É por iso que agochan na CRTVG toda oposición? 
Non queremos subvencións de amiguete, queremos que se faga posible unha rede de ensaios, salas, festivais... nas que a nosa música poida estar presente. E fagan que a CRTVG cumpla a función para a que foi concibida e cubra a maior parte do seu horario con bandas galegas.