A Virxe do Carme, de deidade pagá a Estrela dos Mares

O Museo Etnográfico Liste inclúe a orixe desta devoción que se celebra estos días por Galicia na súa sala da Materialidade da Fe

Rebeca López e Sonia Rodríguez, cos exvotos mariñeiros á Virxe do Carme no Liste.
Rebeca López e Sonia Rodríguez, cos exvotos mariñeiros á Virxe do Carme no Liste. | AB

Unha Virxe do século XIX nunha fornela chegada de Oseira preside o espazo adicado á fe no museo sito na rúa viguesa da Pastora. Nunha das vitrinas, á xeito de ofrenda, expóñense cinco reproducións de barco. “Foron pezas realizadas para o museo á semellanza da que os mariñeiros lle ofrecen a súa virxe para que os protexa, en moitas igrexas como a de Muxía, pendúranos do teito en sinal de ofrenda”, explica Sonia Rodríguez, técnica do Liste.

Na Concatedral de Vigo non se documentou esta práctica, aínda que a escritora María Oruña si se fai eco desde costume na novela “El Albatros negros”. A autora explicou tras publicar o libro que non lle consta a existencia deses exvotos en Vigo, pero si no Santuario das Ermidas, no Bolo, onde conservan un dende 1702: “Un marinero, Pedro Centeno, fue el 23 de septiembre desde Baiona a reconocer las naves de la Flota de Indias que llegaban, y a su regreso un vendamal lo arrojo al mar, donde permaneció tres horas hasta su rescate. El hombre se ofreció a las Ermidas y desde entonces allí está su exvoto”, comenta Oruña nas súas redes sociais.

A forte raigame que ten a súa devoción en Galicia convértena nunha das principais celebracións dos verán, xa que a súa festa conmemórase o 16 de xullo, que segundo o estudo de Isabel Pousada, actual directora do Liste, “foille adicado polo papa Pablo V, no século XVII, por se aparecer tal día como ese co escapulario de San Simón Stock”. Con todo, a absorción desta fe ao redor do mar é bastante recente, de comezos do século XX. Antes ofrecíanse á Inmaculada, a Virxe do Rosario, a San Pedro ou a San Telmo, moi popular en Galicia. Os historiadores consideran que ocupou o espazo dunha deidade pagá, cristianizada.

A Virxe do Carme asumiu o papel de salvadora de almas e de guía nas treboadas, e a procesión marítima co lanzamento de flores as augas é un xeito de bendicilas, afastar aos malos espíritos e lembrar os seus mortos. Na Ría viguesa, as confrarías de Vigo, Moaña e Cangas organizan comitivas que van desde as máis modestas, a dos mariñeiros de Coruxo, coas festas do Vao, ata as máis multitudinarias representada pola do Morrazo ou a institucional, recuperada hai uns anos no Berbés. Segundo o estudo realizado e publicado polo Liste, son crenzas seculares que se alongan no tempo a épocas prerromanas e deuses precristiáns. Dende o século XVII adquiriron a iconografía do imaxinario do escultor Gregorio Fernández, unha talla da nai co neno, o hábito marrón de carmelita e o escapulario a xeito de mandil.

Na sala da Materialidade da Fe, a Virxe está acompañada tamén por outro tipo de exvotos, os de cera, que penduran do teito e que son comúns para noutras devocións. A cada santo milagreiro se lle leva a parte do corpo que debe sanar. Lonxe do mar, a crenza do poder curador da Virxe mantense, así o demostra a recreación das historietas que no século XIX se ofertaron na igrexa da Escravitude, en Padrón. As semitebras desta estancia do Liste contribúe a darlle un carácter sacral, potenciado con elementos como petos de ánimas (xa que o Carmen é tamén a protectora das almas do purgatorio), capeliñas do fogar e reclinatorios para axeonllarse, algúns con nome da propietaria (Laura Garra), púlpitos, pero a peza máis impactante é a do canaleito para transportar ao defundo amortallado ata a tumba, cunha lenda: “El camino del cuerpo es lo que veis y el camino del alma será lo que obreis”.

Relixiosidade e superstición únense neste espazo, custodiado polo Liste, que agocha moitas das explicacións dos costumes que chegaron ata a actualidade.

Contenido patrocinado

stats