Unha praza de abastos en Vigo para os artistas
Día das Letras Galegas
O mercado do Calvario, completamente ateigado, converteuse onte nunha grande feira artesanal galega
A praza de abastos do Calvario viviu onte a súa xornada máis especial do ano, na que a froita, a verdura, os peixes e a carne desaparecen dos postos de venda para deixar paso a todo tipo de produtos artísticos feitos a man. Trátase de ‘O Gran Mercado de Arte’ que este ano reuniu a preto de 80 artistas de toda Galicia nunha estampa que soamente se repite cada 17 de maio para celebrar o Día das Letras Galegas.
Dende primeira hora da mañá, o bulicio nas portas do mercado deste barrio vigués foi notable. Este evento, que concentra en Vigo unha parte importante da produción artesanal galega, vai pola súa duodécima edición e cada ano ten máis e máis sona tanto entre os veciños da contorna como entre curiosos do resto da comunidade que aproveitan o festivo para achegarse polo lugar e mercar pezas únicas, así como para desfrutar dun ambiente animado que se completa con varias actuacións e presentacións de libros.
Cada ano acoden novos artistas a esta grande feira artesanal, que renova o seu cartel con cada edición. É o caso, por exemplo, de Daniel e Verónica, procedentes de A Coruña e cuxa presencia non pasa desapercibida nada máis entrar na praza de abastos. Armados cunha cámara antiga e complicados procesos de revelado, realizan en cuestión de 20 minutos ferrografías, isto é, fotografías impresas en placas de ferro. “É a primeira vez que vimos e parécenos unha iniciativa xenial. Antes de que abriran as portas xa había xente agolpada para entrar”, comentan.
Outros ‘primeirizos’ neste grande evento artístico eran Bruno e Ariadna, dous artistas vigueses que acudiron onte ao Calvario a facerse coñecer cos seus produtos orientados a un público mozo, con inspiración de animes (banda deseñada xaponesa) e videoxogos: “Levamos dous anos vendendo a nosa arte e esta é con moita diferenza a mellor feira á que asistimos nunca, hai un ambiente espectacular”, sinalaban.
Contenido patrocinado
También te puede interesar