Morris e Oroza, dous paseantes por Vigo

A relación que uniu ao actor e ao poeta foi a escusa para reunir a amigos nunha homenaxe a toda unha traxectoria

Publicado: 14 mar 2025 - 07:21 Actualizado: 14 mar 2025 - 12:16

Manquiña e Morris, durante a homenaxe que Évame Oroza lle fixo ao segundo polo seu compromiso.
Manquiña e Morris, durante a homenaxe que Évame Oroza lle fixo ao segundo polo seu compromiso. | Jorge Santomé

“Sempre me sentín moi querido a nivel persoal en Vigo e a nivel profesional, aínda que nunca estiveron mal, as cousas melloraron, antes semellaban que me valoraban máis fóra que aquí”. Morris recibiu emocionado a homenaxe que a asociación Évame Oroza lle fixo a toda unha traxectoria. “Eu sempre fun moi de pasear, cando tiña que pensar ou meditar algo, ía camiñar pola zona industrial. Así, nas rúas, foi como coñecín a Oroza”.

Recibiu a medalla Carlos Oroza e unha obra de Xavier Magalhães, específica para el. Cunha resposta moi positiva, tal e como explica Javier Romero, presidente de Évame Oroza: “Na asociación gústanos recoñecer á xente que nos apoia e Morris é socio fundador. Cónstame que tiña unha gran relación con Oroza quen o calificaba como ‘un galego máis alá do Padornelo’. Pensamos que este tipo de homenaxe hai que as facer en vida, para que note o cariño que lle ten a xente”.

O actor estivo arroupado por amigos e compañeiros que quixeron sumarse a unha data tan especial. “Son tres persoas moi ben elixidas: con Manquiña compartín os inicios artísticos nos anárquicos e revolucionarios 80 e 90; Fernando Fernández Domonte é un grande amigo co que me vou atopando cada pouco e con Cermeño foron moitos anos, só en ‘Pratos combinados’ estivemos once, aínda que non todos seguidos, ao final eramos como unha pequena familia”. Coa maleta sempre preparada, Morris desfrutou coa festa de onte, pero cos ollos postos en Logroño, onde representa hoxe.

Convidado por Domonte, Manquiña participou neste acto adicado a persoa coa que se iniciou na televisión. “Morris xa levaba uns meses facendo cousas con Manolo Rivas e estabamos os dous traballando na obra do Centro Dramático Galego ‘Almas perdidas’ cando me propuxo facer unha proba; nun descanso fixemos un sketch e así empezamos con ‘Viva verán’. Entendémonos ben e gustamos”. Despois viñeron outros programas xuntos como “A ver que vai ser isto”.

Dende entón ata agora, o audiovisual cambiou moito, tal e como afirma Manquiña. “O único que non mudou é que os actores temos que estar listos para facer un pouco de todo, pero a cantidade de actores e a oferta é moito máis ampla. Hai moita xente nova que non coñezo, dende logo está asegurado o relevo xeneracional”.

Está a escribir as súas memorias profesionais e recoñece que en moitas ocasións recurre “a fontes ben informadas como Morris”. “O outro día envioume unha curta onde el facía dun xogador do Celta e eu, dun xornalista agresivo, e desmendrabame de riso. Cando traballo con el sempre lle digo que se me pasa o tempo sen saber que fago porque me estou a fixar nel, Morris di que lle acontece o mesmo”. Sen dúbida, destaca do seu amigo, a simpatía. “É moi divertido, lembro gravar un programa para a TVG e pasarme un guión que non me dicía nada ata que llo oía interpretar a Morris, así tiña gracia, el transmite unha visión nova”.

Cermeño, director de ‘Pratos combinados’, compartiu traxectoria profesional co homenaxeado en moitas ocasións, que comezou con sketches cómicos e a obra ‘Almas Perdidas’ da compañía viguesa Artello. “Fixemos a primeira telecomedia, daquela todos nos inventamos un pouco no oficio, era a etapa inicial”. De Morris destaca o seu compromiso. “É un actor moi traballador, algo que a xente non sabe; a súa é unha profesión moi intensa e el tómaa moi en serio”. Aínda que está presente a súa faceta cómica, o director destaca os seus papeis dramáticos. “É moi versátil, está revestido de talento”.

Contenido patrocinado

stats