Manuel Reboiras: "Da represión non se falaba na casa, padecíase e sufríase"
O irmánd de Moncho Reboiras interpuso unha querela criminal pola morte do seu irmán, tras unha persecución policial en 1975
“Levamos case 50 anos agardando a que se recoñezan de xeito oficial as vítimas e os verdugos, a nova lei de Memoria Democrática supuxo algún avance, pero aínda ten eivas”. Así, Manuel Reboiras Noia, irmán de Moncho con quen compartía militancia, presentou unha querela criminal contra os 26 integrantes da Policía Armada e da Brigada Político Social que participaron na persecución que acabou coa morte de Reboiras en agosto de 1975. Conta co apoio da equipa xurídica de Ceaqua Galiza e súmase ás 80 presentadas en toda España que imputa aos querelados por un delito de asasinato e crime de lesa humanidade. “No tema xudicial non está moi claro que saia a diante, pero a esperanza é o último que se perde”.
Por primeira vez, a familia de Reboiras, afincada en Teis, coñeceu os nomes dos policías e militares implicados, xa que constaban no sumario do xuízo polo asasinato do historiador Carballo ao que tivo acceso o seu avogado. “No expediente tódolos implicados tiñan que facer unha declaración dos feitos, a única válida é a do tenente, o resto repite o mesmo; ningún deles se puxo en contacto con nós, Xurxo Pereiro tentou localizalos para ter o seu punto de vista na súa investigación, pero non os atopou; non sabemos se están vivos ou mortos”.
En 2009 recibiu do Ministerio un recoñecemento de que Moncho Reboiras era una vítima da ditadura, “un carteliño sen valor, pero coas novas posibilidades fixemos os trámites xurídicos que corresponden, se aquí non nos dan resposta, teremos que recorrer á Xustiza arxentina, como outros moitos”.
Cada ano organízase un acto de homenaxe en Ferrol, onde morreu, e en Imo (Dodro), onde naceu, facendo o posible por manter viva a súa lembranza. “A miña nai morreu querendo saber por que mataron ao seu fillo con 25 anos, cando só quería un mundo mellor e unha Galiza soberana, pero non hai perspectivas de que os políticos permitan que isto saia a luz; ou cicatrizan as feridas, ou o problema non se vai solucionar, non somos os únicos nesta situación”.Nos últimos anos recibiron recoñecementos importantes: Xurxo Pereiro publica o libro “Camiño á rebeldía”, onde recolle todo o historial do nacionalismo galego nos 70, onde Reboiras era un nome importante; o cineasta vigués Alberte Mera estrea “Reboiras. Acción e corazón” (2020) e a estrada nacional de Padrón a Rianxo ao seu paso por Dodro (AC-305) bautízase con nome de rúa Moncho Reboiras. “É unha mágoa que non o puidese ver a miña nai, que morreu con 96 anos, da represión non se falaba na casa, padecíase e sufríase en silencio”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar