Maxia, humor e música polo Festival de Artistas de Rúa de Redondela

Haberá actuacións na alameda e nas prazas da vila desde as 19:30 horas cunha programación de gran calidade e moi variada, con artistas como As Tareixas, Chimichurri ou Up2Down

Digna Rivas e Rita Pérez Táboas amosando o cartel desta nova edición do Festival de Artistas de Rúa.
Digna Rivas e Rita Pérez Táboas amosando o cartel desta nova edición do Festival de Artistas de Rúa.

O Festival de Artistas de Rúa cumpre 25 anos e será un dos pratos fortes da programación cultural de verán do Concello de Redondela. A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, e a alcaldesa Digna Rivas presentaron as actividades desta edición que se celebrará o venres 2 de agosto con actuacións “moi especiais”. O festival arrancará ás 19:30 horas con actividades na Alameda Castelao, a Praza da Constitución, a Praza José Figueroa, a Pista da Xunqueira e a Praza da Torre. A alcaldesa, Digna Rivas, adiantou que o certame “contará coma sempre con artistas locais, porque en Redondela hai moito talento e queremos potencialo e darlle visibilidade”, e tamén con actuacións de nivel nacional e internacional.

A xornada arrancará cun concerto de As Tareixas, un grupo musical familiar redondelán galardoado co segundo premio no concurso “Quero cantar” celebrado este ano pola Deputación da Coruña. Será ás 19:30 na praza José Figueroa. Ás 20:15 horas será a quenda do circo co clown Rogelio La Fête. O artista galego ofrecerá un espectáculo de corda frouxa, malabares, música e moito humor na Praza da Constitución. “Cualquier verdura” é o espectáculo que ofrecerá a compañía Chimichurri, con Rafael Dante, na Alameda Castelao ás 20:50 horas. A alameda acollerá tamén o espectáculo Up2Down, unha peza de funambulismo, danza e clown para público familiar. Ás 22:15 horas comezará o pasarrúas con Hexagonum, que percorrerá o centro da vila desde a praza de Ribadavia ata a praza de Santiago Apóstolo. Este novo espectáculo de rúa da compañía Troula conta a evolución da Humanidade desde o punto de vista dunha abella. Un dos pratos fortes será a actuación do Mago El Shado, que participou en programas como Got Talent. Será na pista da Xunqueira ás 23:00 horas.

O concerto do Septeto Santiaguero pechará o certame ás 00:00 na Praza da Torre. O grupo é todo un referente da música tradicional cubana, conta con dous premios Grammy Latinos.

Contenido patrocinado

stats