O triste xogo de incendiar

Publicado: 05 sep 2025 - 08:48

Vivín o drama dos incendios de lonxe, no sur. Regreso coas impresións de quen descoñecían a longa traxectoria do problema sen resolver durante décadas no norte. Nesta Galicia que se presume verde e na Castela e León que se descobre despoboada. Mentres o lume avanzaba carbonizando bosques, fragas, montes solitarios, sementeiras e pobos perdidos no abandono endémico, escoitamos o ruído de quen fai do oficio das política plataformas persoais. O primeiro en chegarnos foi a dor da Natureza e a impericia humana fronte ao cambio climático. E en menos que se persigna un cura tolo escoitamos as voces da oposición incendiando o barullo. A esa España de Despeñaperros para abaixo sorprendeulle a rapidez de Feijóo para suplantar aos seus presidentes autonómicos e emprender unha cruzada para gañar a batalla mediática sen que ninguén lle pedise contas. Enseguida o exército de Xénova 13 levantou as voces ata o insulto habitual. Resultado?

España, grazas a Feijóo, descubriu que o negocio comercial dos incendios do norte non reside en previr senón en apagar o lume coa contratación de empresas e privatizacións millonarias. A España pareceulle inconcibible non gastar en Galicia tres millóns para prevención chegados da UE. España coñeceu as precarias condicións do persoal contra incendios recrutados só durante uns meses con salarios de miseria. España sorprendeuse coa escaseza e as protestas dos bombeiros forestais descontinuos. España non entendeu que a Xunta, durante os goberno do líder popular, ocultase os datos de incendios inferiores a vinte hectáreas. Obxectivo? Aquilo que non se publica non existe. España descubriu as debilidades de Fernández Mañueco por ceder ante os despropósitos negacionistas de Vox co abandono de torretas de vixilancia, coa redución de orzamentos para previr e apagar, coa ausencia de brigadas fóra do verán… España tivo constancia de que as competencias para conservar o territorio son das Comunidades Autónomas e non do exército nin do Goberno de España.

Semellante torpeza de Feijóo tentouse tapar convocando aos ministros responsables a comparecer no Senado sen chamar aos presidentes autonómicos, como correspondería a unha verdadeira intención de coñecer a verdade do problema. Novamente o tiro saíulle pola culata. España escoitou como as dúas ministras, de Defensa e de Transición Ecolóxica, e o ministro do Interior, sen desvelar de facto as torpezas e incompetencias das comunidades de Galicia, Castela e León ou Estremadura, desmontaban os bulos dos palmeiros do PP con datos e testemuños contundentes. Sen perder pé o presidente Sánchez propuxo crear unha “Axencia Estatal de Protección Civil fronte ás Catástrofes Climáticas”. Sen ler a letra nin escoitar a música o líder popular pechou a porta á iniciativa. Rapidamente fixo un brinde ao sol propoñendo CINCUENTA medidas contra os incendios, por el mesmo resumidas en QUINCE e de inmediato condensadas en DÚAS actuacións. A estrela: fichar aos pirómanos e poñerlles pulseiras de localización. España descubriu que esa mesma medida propúxoa Feijóo hai anos para Galicia, logo esqueceuna nun caixón e nunca máis se soubo da ocorrencia. Ninguén lle avisou que tal medida xa existe e corresponde á xustiza empregala. Aínda máis o número de pirómanos é ínfimo e hai que diferenciar entre pirómanos (xente enferma) e incendiarios (intencionados e accidentais).

Na España do sur as anciás aseguran que quen xoga con lume ouríñanse na cama. Por iso propoño que cando Feijóo, Tellado, Rueda e Mañueco presenten os balances da traxedia, empecen por ensinar as súas sabas de agosto. Sería un bonito xesto.

Contenido patrocinado

stats