O traxe novo de Feijóo
Ao concluír o seu congreso á búlgara vimos gozar dos aplausos a Núñez Feijóo cun traxe novo confeccionado polas hostes de Isabel Díaz Ayuso. O 21 Congreso do PP en Madrid foi un salto á gloria sen rede de don Alberto. Nel aceptou o aparato dos poderes madrileños sen decatarse de que, como o emperador do conto, saíu máis espido do que entrou. Empecemos por examinar o decorado construído no máis puro estilo do agochado MAR. Vimos un gran plató de televisión fronte a un inmenso val de espectadores anónimos, sen voz pero con hipotéticos votos, xa que nunca saberemos se eran extras de cine contratados polo oculto rexedor do evento ou verdadeiros executivos do partido conservador chegados de todo el país. Durante o desenvolvemento do acto de clausura o gran plasma do fondo foi utilizado cunha perfecta sincronía entre as figuras dos protagonistas do atril e a intención semiótica das imaxes. Por iso non pareceu casualidade que a principal intervención do líder carismático estivese apoiada por unha pléiade de bandeiras españolas e europeas, recordo daquela histórica reunión de Ayuso con Sánchez na Porta do Sol, onde a esaxerada montaxe de grandes insignias nacionais asombrou ao mundo. Con semellante plano ás súas costas, Núñez Feijóo transmitiu á cidadanía unha subliminar submisión á anfitrioa do espectáculo. Diráseme, si, que o obxectivo era situalo como personaxe con proxección nacional e europea para competir con Sánchez. Quizais os seus fieis o cresen.
Sen dúbida a súa intención programática máis contundente consistiu en proclamar o desexo de conseguir un goberno en solitario, idéntica mensaxe á errada proposta da campaña de 2023. Para iso debe aumentar 39 escanos, rabuñando votos a eito, nun momento no que máis do 13% dos fieis populares liscan a Vox. Quizais por iso decidiu mirarse no espello da extrema dereita e aceptar que non lle queda máis remedio que acudir ao baile imperial do brazo dela.
En 2022, antes de abandonar Compostela, tiven a imprudencia de aconsellar a Feijóo que empregase os dous primeiros anos en Madrid para “facerse co partido” se quería chegar á presidencia do Goberno aos sesenta e seis anos. Pasaron tres sen conseguilo e neste 21 Congreso, anunciado como a súa consagración, só serviu para renderse ao poder na escuridade de Aznar segundo escoitamos nas súas reiteradas citas ao presidente da FAES, case ninguneando a M. Rajoy, galanteando á desconsolada nena Isabel e sen convidar o banquete a figuras históricas tales como Casado, Cospedal ou Soraya. Ao mesmo tempo, o seu hipotético refuxio no poder galego, elevando a Miguel Tellado á cúpula do partido, non vai máis lonxe dun intento de asegurarse un gardacostas leal para os malos tempos xudiciais que se lle aveciñan. En realidade non entrou ningún novo membro do PP-G no Comité de Dirección, verdadeiro núcleo de poder da organización, ao cal Cayetana Álvarez de Toledo se incorporou para ser na mesa os ollos, os oídos e a voz do ventrílocuo Aznar.
No 21 Congreso Feijóo perdeu a última oportunidade de impoñer a súa presunta personalidade para camiñar desde o centro á Moncloa. E, vestindo o traxe novo, no debate parlamentario do mércores pasado sobre a corrupción, quedouse sen escaleiras e colgado da brocha de Vox. Escoitamos a un Feijóo moi parecido a aquel candidato de 2009 contra o bipartito en Galicia que, por vir vestido de bo xestor, conseguiu encandear a un amplo sector da poboación galega. Pero pasaron catorce anos, aquel traxe quedóuselle pequeno e este novo, deseñado polos xastres de Madrid, ou é transparente ou é que vai espido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar