Sen novas de eleccións xerais

Publicado: 31 oct 2025 - 03:00

Os máis vellos do lugar lembramos aqueles tempos nos cales o bipartidismo imperfecto era demonizado polas forzas menores como un mal antidemocrático. Incluso o PP aznariano tirou pedras contra o seu tellado para alcanzar A Moncloa satanizando a Felipe González. Aqueles ventos trouxeron as tempestades aos Parlamentos actuais onde a máis pequena representación de electores condiciona as maiorías e o destino do país ou das comunidades autónomas, con farta frecuencia por cuestións puramente partidarias. Velaí o calvario de Sánchez fronte aos desatinos de Junts ou os caprichos de Podemos. E tamén o suplicio de Feijóo amarrado ao duro banco da fulgurante galera de Vox. Con todo recoñeceriámolo como un xusto xogo democrático se entre si todas as formacións fosen honestas co exercicio do bo goberno e leais na oposición. Pero non, as cámaras lexislativas convertéronse en insoportables tribunas electorais onde dominan a procura do titular informativo, os contos de taberna, os bulos insistentes tratando de convertelos en verdades por mor da repetición e os diálogos de ollomoles indignos do TBO. Esta semana pechámola con dúas glorias: a performance de Puigdemont, rompendo sen romper co PSOE, e o acurralado de Abascal ao PP nas comunidades onde o necesitan para aprobar os orzamentos, isto é en Extremadura, Aragón, Castilla y León, València e pronto en Andalucía.

Visto o visto no comedor de Waterloo (capital independente de Cataluña) Pedro Sánchez segue tendo o tortuoso camiño aberto cara ao destino electoral de 2027. Por tanto, a Núñez Feijóo non lle queda máis remedio que seguir pedaleando enganchado a Santiago Abascal. Nada extraordinario, agás que para o líder galego cada nova etapa do tour sen eleccións xerais é un Col de I’Iseran insoportable. Nestes momentos, entre outros, asédiano a resurrección da última rabexada da Gürtel, a sombra alongada do Caso Kitchen, os turbios negocios de Montoro, os 7.291 anciáns mortos nas residencias de Madrid baixo da xestión de Isabel Díaz Ayuso, a anunciada chegada ao banco dos acusados da parella da presidenta, as mentiras xudiciais de MAR, os 229 defuntos da Dana valenciana, as 125.000 h queimadas nos incendios de Galicia, as 166.000 h arrasadas polo lume en Castilla y León, as 50.000 h calcinadas en Extremadura, o escándalo dos cribados de cancro en Andalucía, o adianto electoral de María Guardiola ao que seguirán os de Jorge Azcón, Fernández Mañueco e Moreno Bonilla… Dubido de que as miudezas de realidade aumentada coas que xoga o PP-Feijóo contra a esquerda socialista –señora e irmán de Sánchez ademais dos tres presuntos delincuentes pillados nas patacas- sexan suficientes para tapar ou romper o asedio dos seus propios no partido prestado por Aznar en 2023.

De que maneira inflúen todos os asuntos enumerados na caída do PP na intención de votos e na subida de Vox? Difícil análise porque en conxunto son a viga no ollo de seu mentres enxalzan a palla no alleo. E sabemos que cando isto acontece se acaba por perder a vista da realidade. Abascal sentado á porta do partido contempla como pasa o cadáver do seu inimigo de dereitas. Utiliza a astucia do abrazo do oso mentres Feijóo e compañía enrouquecen como o coro da farsa grega. Sen noticias de eleccións xerais Vox négalle o pan dos orzamentos en Aragón, Extremadura e Castilla y León pero xoga as agachadas cos de València sen deixar caer a Mazón. Por que? Sinxelamente porque Mazón é para Feijóo a puntilla do pequeno matador de extrema dereita que agora está no rodo so para vencer ao PP.

Contenido patrocinado

stats