A política do esperpento
Anos atrás un coñecido escritor valenciano preguntoume se existía algún ensaio ou un simple traballo literario ou un estudo psicolóxico que profundase na relación entre a esencia galega de Valle Inclán e a súa xenial invención do esperpento. Entón eu non o sabía e hoxe tampouco, aínda coñecendo a obra total e o barullo ideolóxico do autor, máis reaccionario que conservador e sempre oportunista. O seu galeguismo político foi un conato de mocidade e canto da alma do país podamos atopar na súa magnífica literatura vén dado polo costumismo pintoresco, feudal e anacrónico que tanto amaba. Existe esa Galicia esperpéntica tan admirada? É posible que si e que Valle a levase dentro en maior ou menor medida. Pero con moito que envexar, por exemplo, da Galicia naturalista de dona Emilia Pardo Bazán ou da crítica de Eduardo Blanco Amor, que tamén existen. É o esperpento un aceno de identidade aplicable ao galego? Si, como tamén o é o talento narrativo de Torrente Ballester, o enxeño imaxinativo de Álvaro Cunqueiro, o inconformismo de Celso Emilio Ferreiro ou o feminismo bucólico de Rosalía de Castro.
E aínda que o esperpento é inherente a Galicia non todo o galego é esperpéntico como se empeñan en facernos ver coñecidos políticos actuais, a maioría tan conservadores como Valle Inclán. Ao propio don Ramón María non habería de custarlle ningún esforzo transformar parte da nosa actualidade en pezas de teatro bufo contemplando ao Marqués de Bradomín encarnado por un Feijóo histriónico, elitista e decadente. Incapaz de pronunciar a palabra xenocidio porque lle tapa a boca un Max Estrella-Aznar, nada poético pero si tráxico, no seu intento de ser heroico coa axuda dunha Mari-Gaila madrileña. Coido que a Valle Inclán lle resultaría acaído botar man de Miguel Tellado para recompoñer ao seu don Latino de Híspalis, sempre arrastrando os improperios a procura de beneficios políticos e fotos para o álbum do esquecemento… Disimulen se non continuo coa enumeración dos próceres que representan o esperpento galego no teatro da política nacional. Resulta moi doloroso e que don Ramón María me perdoe.
Porque foi cruel velos negar un minuto de silencio polas vítimas do xenocidio de Gaza con variados argumentos esperpénticos para finalmente, pola presión das circunstancias, sumarse á homenaxe con “un si pero non” ao carecer do valor necesario para abandonar o hemiciclo, seguindo a íntima coherencia dos seus socios de Vox. En definitiva mala imaxe e mal desconcerto, non sabemos se ideolóxico ou simplemente teatral. A falta de reflexión coa que camiña o principal partido da oposición nas Cortes Xerais é lamentable, permanentemente colgados da algarabía e da morriña dunha convocatoria electoral. Pracer que o presidente Sánchez non lles concederá ata 2027, chova, trone ou alustre.
Por desgraza esta semana o esperpento patrio tamén chegou ao Parlamento Galego, de onde se lle supoñía orixinario pero convivindo coas outras literaturas. O PSdeG-PSOE, apoiado polo BNG, pediu gardar o minuto de silencio contra o xenocidio de Gaza. A reticencia do PP-G para pronunciar a palabra maldita xerou un debate esperpéntico de máis de media hora e o aprazamento do acto ata o día seguinte. Ao cabo houbo minuto mudo sen lectura do comunicado e Alfonso Rueda viuse obrigado a transixir deixando ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices –un amante da paz parlamentaria-, aos pés do ridículo. Teño a impresión de que cando no 27 caia o pano da farsa o PP de Feijóo cultivará escasos aplausos. Como lle acontecía a Valle Inclán en vida.
Contenido patrocinado
También te puede interesar